Presentación da UPA de Carballo: "Sintámonos invitados a facer un camiño xuntos”

Hoxe, luns 14 de outubro, os fregueses das parroquias da Unidade Pastoral de Carballo viviron unha xornada significativa. Ás 20:00 horas, o arcebispo de Santiago de Compostela, mons. Francisco Prieto Fernández, presidiu a Eucaristía na igrexa parroquial San Xoán Bautista da capital de Bergantiños, na que non só se presentou o equipo sacerdotal, senón que tamén comezou formalmente a Unidade Pastoral que unifica nun proxecto común ás parroquias de Carballo.

O equipo parroquial está composto por José García Gondar (moderador), Eduardo Puga Vila, Plácido Romero Lema e o P. Manuel Carrero Caballero (Amigoniano). As parroquias que conforman a Unidade son San Xoán Bautsista de Carballo, Santa María de Ardaña, San Xurxo de Artes, San Lourenzo de Verdillo, Santa María de Bértoa, San Martiño de Cances, San Cristovo de Lema, Santa Mariña de Lemaio, San Breixo de Oza, San Martiño de Razo, Santiago de Sísamo e a súa unida Santo Estevo de Goiáns, e San Miguel de Vilela, todas pertencentes ao Arciprestado de Bergantiños.

Na solemne cerimonia, realizouse a lectura pública do nomeamento do equipo sacerdotal. Os sacerdotes renovaron as súas promesas e os colaboradores parroquiais reafirmaron o seu compromiso coa misión da Igrexa. Ao final do acto, entregáronse as chaves dos sagrarios aos sancristáns.
Durante a súa homilía, o arcebispo destacou a importancia da chamada do Señor para ser discípulos e a proclamar a Boa Noticia: “Este mandato do Señor debemos aterralo na nosa realidade concreta, facelo presente nas nosas parroquias desta unidade pastoral e do arciprestado de Bergantiños”.
Mons. Prieto lembrou a celebración do Domingo Mundial das Misións, subliñando que todos os cristiáns, por ser bautizados, son discípulos misioneiros: “Todos debemos sumar, ofrecer ese don de Dios que é a nosa vida e todos podemos achegar algo. Que ninguén se sinta á marxe. Sintámonos convidados a facer un camiño xuntos”.
O arcebispo tamén destacou a centralidade da Eucaristía na programación pastoral: “A Eucaristía é onde se achega a nosa vida e de onde somos enviados para a vida. Non hai vida sen Eucaristía e non hai Eucaristía sen vida”.
Posteriormente, no Salón de Actos, presentouse o Plan Pastoral da Unidade Pastoral. En nome do equipo sacerdotal, José García Gondar lembrou con gratitude a Jesús Antelo Quintáns, recentemente falecido, e a Jesús Bello Mato, quen tras 66 anos de sacerdocio reside actualmente na Casa Sacerdotal. García Gondar destacou a mensaxe do Papa sobre a importancia de que as parroquias sexan comunidades acolledoras e con portas sempre abertas: “Un motivo máis para vivir mellor o lema da nosa parroquia: acoller, abrir portas e construír Igrexa”.
Tamén fixo referencia ao próximo Ano Santo ou Xubileu 2025, anunciando unha peregrinación á tumba de Pedro para gañar a indulxencia xubilar, revitalizar a fe e asegurar a esperanza.

José García Gondar terminou con esta palabras: “Facemos unha chamada aos non crentes, aos que se fan preguntas ou aos que non lles gusta a Igrexa. Axudémonos uns a outros a entender os cambios culturais, sociais e relixiosos que estamos a vivir”.

Pola súa banda, o arcebispo de Santiago, mons. Francisco Prieto, non só destacou o labor dos sacerdotes, senón tamén o papel crucial dos laicos na misión da Igrexa. “Nesa común vocación bautismal, sodes tamén voz e rostro da Igrexa,” afirmou o arcebispo, engadindo que “se o noso rostro é un rostro sereno e riseiro, seremos unha presenza acolledora.”

O arcebispo subliñou a importancia de comprometerse coas programacións pastorais, destacando que “se poden enunciar os propósitos, pero temos que sentirnos comprometidos con eles porque toda acción, todo verbo necesita un suxeito, unha gramática elemental. A gramática evanxelizadora necesita de todos e de cada un de nós -os sacerdotes, os laicos e os relixiosos que estivesen presentes entre nós- todos sendo parte desta programación pastoral.”

Ao finalizar a súa intervención, o D. Francisco pediu que o Espírito Santo faga fecundos “os nosos esforzos, alente a nosa programación e a todos nos lembre cal é a verdade que nos une e que nos vincula: Cristo o Señor.”

Unha Unidade Pastoral é unha parroquia de parroquias, unha familia de familias, un horizonte pastoral onde as parroquias unen as súas forzas integrando catequeses, celebración, testemuño e compromiso social para sementar o Evanxeo.

Previous articleEncontros de oración misioneira
Next articleFesta de Santa Tareixa de Xesús