Santiago de Compostela acolleu, por terceiro ano consecutivo, a “Noite XS”, unha cita que tivo lugar o mércores 23 de abril e que se consolidou como unha auténtica Pascua universitaria. Estudantes, residentes e comunidades relixiosas atopáronse nunha noite especial para celebrar, en clave nova e comunitaria, a alegría da Resurrección.
A iniciativa, promovida pola Delegación para as Universidades e a Cultura e a Delegación para a Infancia e a Mocidade da Diocese de Santiago, contou coa participación activa de varias residencias universitarias de identidade relixiosa, entre elas A Estila, Santo Agostiño, os Maristas, María Inmaculada e Cristo Rey Concepcionistas.
“Foi un momento moi bonito de comuñón entre mocidade que comparten a fe desde distintos espazos da vida universitaria”, expresou Ricardo Sanjurjo Otero, Delegado para as Universidades e a Cultura.
O encontro desenvolveuse en tres grandes momentos, seguindo o formato de edicións anteriores. A xornada comezou na Igrexa de Santo Agostiño, desde onde os participantes camiñaron en parellas nun simbólico “Camiño de Emaús” ata a Igrexa dos Carmelitas. Alí, o arcebispo de Santiago, mons. Francisco Prieto, presidiu a Eucaristía, considerada o punto culminante da noite.
Tras a celebración, os asistentes compartiron un ágape sinxelo que favoreceu o encontro e a conversación. A noite concluíu con obradoiros formativos e un momento de oración comunitaria ao redor da medianoite.
“Foi unha forma de celebrar, como comunidade universitaria, este momento da Resurrección do Señor“, engadiu Sanjurjo Otero. “Unha noite para atoparnos, rezar xuntos, formarnos e celebrar a vida desde a fe”.