- A celebración litúrxica do 25 de xullo na catedral compostelá servirá para presentar a composición “Misa na honra do Apóstolo Santiago”
A celebración litúrxica que acollerá a Catedral de Santiago o próximo 25 de xullo, Solemnidade do Apóstolo Santiago, servirá para presentar a “Misa na honra do Apóstolo Santiago”, encargada pola Fundación Catedral de Santiago ao compositor italiano Marco Frisina con motivo do Ano Xubilar que estamos a celebrar. Desta maneira, o repertorio musical que acompañará á Misa Solemne e Ofrenda Nacional será unha novidade.
Marco Frisina, mestre de capela da Catedral de Roma (San Xoán de Letrán), é sacerdote e recoñecido compositor de música relixiosa. É fundador do Coro da Diocese de Roma e autor de numerosas obras de carácter relixioso, tanto pezas creadas para celebracións litúrxicas, como bandas sonoras e cánticos, como os característicos das Xornadas Mundiais da Mocidade. A súa produción artística agrúpase en máis de 60 discos.
Desde hai meses estivo traballando na composición dunha gran obra en honra ao Apóstolo Santiago, na que quixo axuntar sons tradicionais do canto gregoriano con outros de orixe medieval, de maneira que neles se plasme toda a tradición musical vinculada á basílica xacobea e as súas liturxias. O resultado é unha ampla obra, escrita para coro mixto, voces brancas, órgano e orquestra, aínda que, debido ás limitacións espaciais, o 25 de xullo soará na catedral unha versión abreviada e reducida a un tempo e órgano.
O propio Marco Frisina, que nos próximos días estará na cidade con motivo dos ensaios, dirixirá o repertorio musical da celebración litúrxica na Solemnidade do Apóstolo Santiago, que correrá a cargo do Orfeón Terra A Nosa, a Escolanía da Catedral, o cantor José Luis Vázquez e o organista Adrián Regueiro.
Fonte: Catedral de Santiago