Marín lembrou, este xoves pola tarde, cunha Eucaristía a un matrimonio venezolano e aos seus dous fillos, vinculados á localidade, que perderon a vida no terremoto de Venezuela mentres pasaban alí as súas vacacións. O arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Francisco José Prieto Fernández, presidiu a celebración, concelebrada polos párrocos David Mohedano e Francisco Pena.
A comunidade educativa do colexio da Inmaculada, compañeiros e profesores, así como representantes dos equipos de hóckey e ximnasia artística, participaron nunha celebración que reuniu a dor pola perda, o recordo e a esperanza cristiá.
Na súa homilía, o arcebispo recoñeceu o desconcerto que provoca unha traxedia destas dimensións e a dificultade de atopar palabras ante a morte dunha familia enteira.
O prelado dirixiuse especialmente aos compañeiros dos nenos falecidos. Falou da dificultade de comprender a perda dun amigo e das emocións que poden sucederse ao lembralo: a tristeza, a necesidade de chorar ou un sorriso ao evocar un momento compartido.
«Non hai un xeito perfecto de despedirse», expresou. Lembrar os compañeiros, falar deles con alguén de confianza e pedir compañía cando sinta a súa ausencia foron algunhas das propostas que ofreceu para vivir o do.
A lectura do libro da Sabedoría serviu ao arcebispo para situar no centro da celebración a confianza en Deus. Poñer a vida dos falecidos nas súas mans, explicou, significaba confialos ao coidado do Pai, aínda cando permanecesen sen resposta tantas preguntas sobre o sucedido.
Desde esa perspectiva, lembrou as palabras de Xesús a Marta: «Eu son a resurrección e a vida». O arcebispo presentou esta promesa como o fundamento da esperanza cristiá ante unha morte que doe e desconcerta.
Tamén sinalou que esa esperanza non elimina o sufrimento nin borra a ausencia. A familia seguiría sendo lembrada nos lugares dos que formara parte: o fogar, o colexio, a parroquia e os clubs deportivos. Neses espazos aparecerían recordos e momentos difíciles que necesitarían tempo e compañía.
A oración estendeuse a todas as familias afectadas polo terremoto e a quen perdera os seus seres queridos noutras catástrofes. Xunto ao recordo dos dous nenos e dos seus pais, a comunidade puxo ante Deus os seus nomes, os seus rostros e canto viviran e esperaran.







