- O arcebispo Francisco José Prieto e o ecónomo diocesano José Fernando Barros interviñeron na xornada «As Fortalezas da España Plural», celebrada en San Martiño Pinario.
A Cámara de Comercio de Santiago celebrou, o pasado martes 27 de outubro, na Hospedería de San Martiño Pinario a xornada de debate «As Fortalezas da España Plural», impulsada pola Cámara de Comercio de España a través da súa rede de 83 cámaras territoriais. O encontro forma parte dunha iniciativa que se desenvolve nas 17 comunidades autónomas e en Ceuta e Melilla para reflexionar sobre as achegas de cada territorio ao conxunto do país.
En representación da Cámara de Comercio de Santiago participaron o seu vicepresidente primeiro, Jorge Lorenzo Souto, e a súa secretaria xeral, Rosa Mary Cardeso, mentres que por parte da Cámara de Comercio de España asistiu Elena Martín Ares, coordinadora de eventos corporativos e Relacións Institucionais de Cámara España.
O encontro reuniu a representantes salientables da sociedade civil galega procedentes de ámbitos como as institucións, a empresa, a cultura, a educación, a investigación, o deporte e os medios de comunicación, co obxectivo de reflexionar sobre as fortalezas que Santiago de Compostela e Galicia achegan á identidade de España e á súa proxección nacional e internacional.
O primeiro bloque contou coa participación de monseñor Francisco José Prieto Fernández, Arcebispo de Santiago de Compostela; Pedro Blanco, avogado e delegado do Gobierno en Galicia; Ana Cabana Iglesia, vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio da USC; Juan Raposo, xurista e profesor de Dereito; José Ramón González Juanatey, cardiólogo, investigador e profesor emérito ad honorem da USC; Emilio Pérez Nieto, presidente honorífico do Grupo Pérez Rumbao; José Ramón Lete Lasa, exxogador profesional de baloncesto e expresidente do Consello Superior de Deportes; Mercedes Corbillón, cofundadora da Librería Cronopios, escritora e crítica literaria; José Manuel García Iglesias, catedrático emérito de Historia da arte da USC; Marcos Gómez, xornalista e comisario do Xacobeo 2027; Luis Míguez Macho, catedrático de Dereito Administrativo da USC; e Ignacio Carballo, delegado de La Voz de Galicia en Santiago.
Durante esta primeira sesión, o debate centrouse na contribución de Galicia á historia de España, o seu patrimonio cultural e natural, o seu estilo de vida e as súas achegas ao ámbito deportivo. Os participantes reflexionaron sobre o valor dos fitos históricos, a creación artística e literaria, a riqueza patrimonial e natural e as tradicións como elementos que contribúen á identidade e á imaxe de España.
O segundo bloque reuniu a Charo Barca Fernández, fundadora e presidenta da Fundación Andrea; Francisco Candela Castrillo, presidente do Ateneo de Santiago; Maximino Zumalave Caneda, director de orquestra, pianista e musicólogo; Óscar Rodríguez Mallo, empresario e CEO do Grupo FSL/Fisela; María Teresa Cancelo Márquez, profesora titular de Economía Aplicada da USC; Manuel F. González Penedo, catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia artificial da UDC e director do CITIC; Isabel Ferreiro Martínez, conselleira de Unión Hoteleira Galega; José Fernando Barros Fornos, economista e ecónomo da Arquidiocese de Santiago de Compostela; José Antonio Neira Cortés, director de Relacións Laborais e Asesoría Xurídica da Confederación de Empresarios de Galicia e Roberto Pereira Costa, economista e presidente do Club Financeiro de Santiago.
Neste segundo bloque abordáronse cuestións relacionadas coa fortaleza das institucións, a contribución das empresas á marca España, o papel da educación e o talento, os avances en innovación, ciencia e tecnoloxía e a importancia das infraestruturas e a mobilidade sostible. O intercambio de perspectivas permitiu analizar o papel de Galicia nestes ámbitos e a súa contribución ao desenvolvemento económico e social do conxunto do país.
A xornada enmárcase nun proxecto de ámbito nacional que busca identificar e poñer en valor as fortalezas dos distintos territorios españois desde unha perspectiva construtiva. As conclusións dos debates celebrados en Santiago de Compostela incorporaranse a un documento de síntese xunto coas achegas recollidas polo resto das Cámaras de Comercio participantes.






