A Basílica do Pilar de Zaragoza acolleu este domingo a tradicional misa solemne en honra á Virxe do Pilar, patroa da cidade e da Hispanidade, no acto central das festas zaragozanas. A celebración foi presidida por mons. Francisco José Prieto Fernández, arcebispo de Santiago de Compostela, quen concelebró xunto ao arcebispo de Zaragoza, Mons. Carlos Manuel Escribano Subías, outros bispos e numerosos sacerdotes e fieis procedentes de distintos puntos de España. Por parte do Cabido Metropolitano da Catedral de Santiago de Compostela estivo presente nos actos Víctor Suárez Gondar.
A misa estacional do Pilar reuniu a unha multitude de fieis e devotos que encheron a basílica para render homenaxe á Virxe. Durante a celebración, mons. Prieto destacou o carácter universal desta festividade, non só como expresión de devoción popular e tradición cultural, senón tamén como signo de evangelización e comuñón entre os pobos. Subliñou ademais o vínculo espiritual que une a Santiago de Compostela con Zaragoza, dúas cidades marcadas pola presenza do Apóstolo e de María na historia da fe en España.Tras a eucaristía, o arcebispo de Santiago presidiu a tradicional procesión polo exterior da basílica, acompañada por autoridades civís e relixiosas, confrarías e numerosos fieis que expresaron o seu fervor mariano con cantos e oracións.
Mentres tanto, a emblemática Ofrenda de Flores transformou a Praza do Pilar nun mosaico de cor e fervor mariano. Miles de persoas participaron neste xesto de amor e gratitude cara á Virxe, depositando millóns de flores desde primeiras horas da mañá ata ben entrada a tarde.
Presenza da devoción do Pilar no Vaticano
Días antes, o 24 de setembro, tivo lugar nos Xardíns Vaticanos un acto que simbolizou a profunda vinculación entre Zaragoza e Santiago. O Cardeal Fernando Vérgez Alzaga, Presidente Emérito da Gobernación do Estado da Cidade do Vaticano, bendixo un panel cerámico que representa a aparición da Virxe do Pilar ao Apóstolo Santiago.
O retablo, elaborado artesanalmente seguindo o estilo da cerámica valenciana do século XVIII, atópase xa no Bastione Mestre dos Xardíns Vaticanos, xunto a outras representacións marianas de distintos países. A obra reflicte o momento en que a Virxe María, aínda viva en Xerusalén, apareceuse ao Apóstolo Santiago na beira do Ebro para alentar a súa misión evanxelizadora, orixe da devoción ao Pilar que séculos despois continúa inspirando a fe de millóns de crentes.






