Algo máis dun mes despois de ser ordenado bispo auxiliar de Santiago de Compostela, monseñor Francisco José Prieto Fernández tivo ocasión de coñecer distintas realidades diocesanas, tanto a través da súa axenda de celebracións litúrxicas como de diversos encontros e reunións. O día 17 de abril, fíxose presente ao comezo da sesión ordinaria do Cabido Metropolitano para saudar os Sres. Capitulares; o día 28, entrevistouse co Director de Caritas Diocesana e visitou a sede de Mans Unidas en Santiago de Compostela; e, o día 29, visitou os sacerdotes residentes na Casa Sacerdotal, compartindo a comida con eles.
Monseñor Prieto tamén participou no Acto Penitencial levado a cabo no marco do primeiro retiro Effetá, versión para mozas dos Retiros de Emaús, o día 24 de abril na Igrexa de San Martiño Pinario, un encontro que clausurou o arcebispo, monseñor Julián Barrio.
Ademais, o 25 de abril, con motivo da festa patronal, o bispo Auxiliar presidiu a Misa solemne na parroquia de san Xurxo de Cereixo. Un día despois, o 26 de abril, tivo lugar unha webinar para sacerdotes, relixiosos e relixiosas do Camiño de Santiago. No encontro participou tamén o bispo auxiliar, quen desenvolveu o relatorio “O Ano Santo Compostelán e a Nova Evangelización”. A reunión, que se desenvolveu por primeira vez de forma telemática, congregou a membros de vida consagrada que levan a cabo un labor de acollida nas súas parroquias ou comunidades ou que acompañan peregrinacións a Compostela. O evento, organizado por Acollida Cristiá nos Camiños, foi inaugurado polo arcebispo.
Por outra banda, o 27 de abril, no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino, celebrouse unha reunión da Comisión do Ano Santo, que foi presidida por primeira vez por monseñor Prieto.
No mes de maio, o bispo auxiliar participou por vez primeira na reunión dos bispos da Provincia Eclesiástica de Santiago, que se celebrou nas dependencias do Arcebispado compostelán o día 7. Monseñor Prieto presidiu, ademais, confirmacións na Igrexa de Santa Mariña de Cambados, na Parroquia de Santa María de Castelo, na Igrexa de Santiago de Carril e na Igrexa de Arzúa.
E coincidindo cos actos organizados ao redor da festa de san Xoán de Ávila, o bispo auxiliar impartiu entre os días 11 ao 13 de maio unha quenda de Exercicios Espirituais a sacerdotes diocesanos.
Tamén esta semana asistiu ás Xornadas da Comisión de Medios de Comunicación Social na sede da Conferencia Episcopal Española, nas que se entregaron os premios Bravo e se reuníronse distintos delegados de Medios de Comunicación das dioceses españolas.