- No acto de lanzamento desta cita de peregrinación da mocidade europea, o arcebispo expresou o seu desexo de que Francisco “vos poida saudar persoalmente”
- Máis dun centenar de voluntarios participou neste encontro ao que asistiron o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o alcalde Xosé A. Sánchez Bugallo
O arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, saudou este sábado desde a escalinata da catedral, na Praza do Obradoiro, a máis dun centenar de voluntarios que traballan na preparación da Peregrinación Europea da Mocidade (PEJ) que se desenvolverá en Compostela no mes de agosto de 2022. “Tráiovos o saúdo afectuoso do Papa”, dixo o arcebispo, quen expresou o seu desexo de que “Deus queira que un día coma hoxe” o Papa Francisco “vos poida saudar persoalmente” na cidade do Apóstolo. O acto de lanzamento da PEJ contou coa presenza do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; do alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; e do bispo auxiliar de Valencia, monseñor Arturo Pablo Ros, presidente da Subcomisión Episcopal de Mocidade e Infancia da Conferencia Episcopal Española.
A escalinata da fachada catedralicia do Obradoiro acolleu este sábado un acto de lanzamento da Peregrinación Europea da Mocidade, a un ano vista da súa realización do 3 ao 7 de agosto de 2022. Monseñor Barrio actuou como anfitrión do máis dun centenar de mozos voluntarios que traballan xa no desenvolvemento desa cita que congregará na cidade do Apóstolo a miles de mozos de toda Europa. O acto, a pesar das ameazas de choiva, púidose celebrar coa brillantez propia do lugar: cunha Praza do Obradoiro na que non paraban de chegar peregrinos.
Na intervención de monseñor Barrio, o arcebispo agradeceu a presenza de todos os asistentes e asegurou que a Arquidiocese compostelá é un espazo de acollida para todos os peregrinos. Dixo, ademais, que a verdadeira meta da peregrinación é “a liberdade do corazón á que Deus nos chama” desde a Casa do Señor Santiago. O arcebispo asegurou que “a celebración da PEJ será unha graza de Deus” nun “horizonte de esperanza”, para que todos os mozos e mozas poidan manifestar a súa esperanza en Cristo e “a súa fidelidade e amizade con El”.
Monseñor Barrio lembrou o “alento evanxelizador” do Apóstolo Santiago para animar os mozos e mozas para peregrinar ata o seu sepulcro, expresando con iso “as vosas inquedanzas” e dese modo facer que “a Igrexa en Santiago” poida facer efectiva a súa responsabilidade “de que desde aquí ecoe a esperanza”. “O amor que transforma a sociedade”, apuntou o arcebispo, “atopámolo en Cristo”, tras asegurar que a esperanza cristiá é inseparable dun exercicio da caridade cos máis necesitados e vulnerables.
Moito tempo para facer ben as cousas
Pola súa banda, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, indicou que “queda moito tempo para facer ben as cousas”, en alusión á prórroga do Ano Santo Compostelán que concedeu o Papa Francisco e que se coñeceu o día en que se abría a Porta Santa da catedral compostelá. Rueda ofreceu a colaboración da Xunta e lembrou as raíces cristiás do Camiño de Santiago, ademais de indicar que “esperamos outras alegrías para o ano que vén”, en alusión a unha posible visita do Papa Francisco.
O alcalde Sánchez Bugallo, á súa vez, aproveitaba a súa intervención para lembrar a presenza de san Xoán Paulo II na JMJ de Santiago do ano 1989, que definiu como “un momento indeleble” para os mozose mozas que a viviron e para todas as persoas que puideron asistir. “A cidade está feliz de recibir a mocidade”, afirmou Bugallo, de quen dixo que son “o noso futuro e a nosa esperanza”.
Tamén falou no acto de lanzamento da PEJ o bispo auxiliar de Valencia, monseñor Arturo Pablo Ros. O presidente da Subcomisión Episcopal de Mocidade e Infancia da Conferencia Episcopal Española expresou a súa satisfacción por atoparse en Santiago e pediu un aplauso aos voluntarios. “O voluntariado”, manifestou, “é caridade”, indicando que a amabilidade, a proximidade e o sorriso dos voluntarios son un signo da proximidade de Cristo. “Non deixedes de buscar a Xesús”, pediulles aos voluntarios o bispo auxiliar de Valencia.
Himno da PEJ
Ao final do acto, o cantante galego Rubén de Lis interpretou o himno oficial da PEJ, co que se poñía un broche de ouro á presentación da peregrinación xuvenil no Obradoiro no medio do ambiente de festa dos voluntarios presentes, ao que se sumaban desde a praza decenas de peregrinos. Tras finalizar o acto público, os voluntarios e os invitados participaron na Eucaristía que presidiu monseñor Julián Barrio na Catedral compostelá.
No acto da Praza do Obradoiro moderara as intervencións Raúl Tinajero Ramírez, director do Departamento de Mocidade da Conferencia Episcopal Española. A xornada continuou pola tarde con reunións de traballo e encontros formativos do voluntariado, concerto e diversas actividades no Seminario Menor de Belvís.













