- O arcebispo electo de Santiago de Compostela, monseñor Francisco Prieto, ata o de agora bispo auxiliar, escribiu unha carta a todos os diocesanos con motivo do seu nomeamento.A TODOS Os FIEIS CRISTIÁNS, AOS MEUS QUERIDOS IRMÁNSDA ARQUIDIOCESE DE SANTIAGO DE COMPOSTELASaúdovos cordialmente, con afecto e proximidade, no Señor, o Bo Pastor, e invocando a intercesión de María, a nosa Nai e do Apóstolo Santiago.Pronto haberá dous anos, o próximo 10 de abril, luns de Pascua, que fun ordenado bispo auxiliar desta querida Arquidiocese de Santiago de Compostela e do seu Arcebispo don Julián Barrio Barrio. En verdade, pódese dicir que cheguei como peregrino desde a veciña diocese de Ourense, na que nacín e recibín o don da fe e do ministerio sacerdotal. Naquela ocasión, dicíavos na acción de grazas, tras a ordenación, que agradecer é recoñecer que todo nos foi dado: o don dun ministerio como o episcopal, que non é tarefa nin oficio, senón entrega, ofrenda da propia vida, servizo “sen tacha día e noite” (como di a pregaria de ordenación) a Deus e a esta porción do Pobo de Deus, un belo mosaico de construído de moitos rostros e variados camiños, á que fun chamado a servir e acompañar.Nestes dous anos como Bispo Auxiliar un vai tomando conciencia da beleza e enormidade da tarefa encomendada, e consciente das miñas limitacións, só, unha vez máis, podo dicir GRAZAS.A Deus, en primeiro lugar, que, sabendo do barro do que estamos feitos, chámame agora, por medio da Igrexa, a servir como Arcebispo a este o seu Pobo que habita e vive a súa fe na extensa e fermosa xeografía desta Arquidiocese. Agradezo ao Señor que, por medio do Papa Francisco, ao cal desexamos unha pronta recuperación da súa saúde, confiase en min para ser e servir como pastor á Igrexa en Santiago de Compostela.Permitídeme que me dirixa ao meu querido irmán don Julián, durante 27 anos arcebispo desta Igrexa diocesana: Grazas pola súa entrega, pola súa dedicación, polo seu servizo. O Señor que ve no escondido saberá agradecelo como corresponde. Persoalmente, grazas, o meu querido don Julián, que desde o primeiro momento me acolleu con afecto paterno e proximidade de irmán; e con paciencia e mestría, con xesto sobrio e palabra fonda, ensinoume e axudou a coñecer e querer a esta Igrexa: aos seus sacerdotes, aos fieis das nosas parroquias, aos laicos (grupos e movementos, nenos e mocidade, catequistas, profesores, voluntarios da acción socio-caritativa), aos membros da vida consagrada, aos seminaristas… a todos os que sodes ese Pobo de Deus do que tanto aprendín e recibín nestes dous anos. Canto me destes! Saber escoitar, acompañar, tender pontes e camiñar xuntos. Sei que conto coa vosa axuda e oración para ser convosco e para vós un pastor segundo o corazón de Deus: pai, irmán e amigo.Fun apreciando esperanza e fe, ilusión e xenerosidade, retos e camiños a percorrer, desde as dispersas parroquias do mundo rural, hoxe tan afectado polo despoboamento e o esquecemento, ata as presentes ao longo da costa, onde o mar acariña ás súas xentes no medio de importantes retos e dificultades; sen esquecerme das tres cidades, Santiago de Compostela, A Coruña e Pontevedra, que achegan unha historia de rico pasado, comprometido presente e esperanzado futuro na súa vida cristiá e cidadá.Son momentos para exercer a confianza en Deus, e descubrir con gozo que El nos dá a súa graza cando nos chama a servir con máis entrega ao Pobo de Deus, especialmente a todas aquelas persoas, aquelas familias que máis sofren estes duros momentos de crise social e económica. Ante esta situación, en palabras do Papa Francisco, camiñemos en esperanza polas sementes de ben que Deus segue derramando na humanidade e asumamos que, ante este reto e sempre, ninguén se salva só (cf. Fratelli tutti 54-55).Un cordial e afectuoso saúdo a todas as autoridades civís, políticas, académicas, xudiciais, militares e aos axentes sociais, así como a tantos homes e mulleres de boa vontade, crentes e non crentes, cristiáns e non cristiáns, co desexo de traballar xuntos, desde o respecto e o diálogo, en favor do ben común das xentes e pobos da Arquidiocese de Santiago de Compostela.Consciente que a Porta da graza sempre permanece aberta, encomendo o ministerio que agora se me confía, ao que fun chamado para servirvos, ao apóstolo Santiago, a María a nosa Nai, agardando que vivamos con gozo a próxima Pascua.
Que Deus vos bendiga.
Francisco José Prieto Fernández
Arcebispo electo da Arquidiocese de Santiago de Compostela






