- Hoxe cumprense 40 anos do discurso europeísta de san Xoán Paulo II
- Artigo de mons. Barrio publicado en El Correo Gallego: “A Europa do mañá“
Ao lembrar o memorable discurso que con sentido profético pronunciaba san Xoán Paulo II na Catedral compostelá hai corenta anos o día 9 de novembro, no momento actual subliño a necesidade da unidade europea. Esta ha de fundamentarse, ao meu parecer, sobre un sistema de convivencia persoal e colectiva onde a existencia se comprenda como don e tarefa para o home, onde o próximo sexa aquel de quen cada un as fai responsable e onde a vida de cada un se poña ao servizo dos demais, forxando a cultura do ben común para non percorrer camiños da súa atormentada historia.
Esta unidade será duradeira e benéfica se está asentada sobre os valores humanos e cristiáns que integran a alma de Europa, como son a dignidade da persoa humana, o profundo sentimento de xustiza e liberdade, a laboriosidade, o espírito de iniciativa, o amor á familia, a aceptación do outro como alguén diferente e o compromiso pola paz, buscando sempre un diálogo entre fe e razón que supere a dinámica do fundamentalismo e proselitismo.
Nunha sociedade na que se percibe a desigualdade, o cuarteamiento do mundo e a fractura social, é urxente a tarefa de ofrecer novamente a mensaxe liberadora do Evanxeo. Os testemuños de F. Ozanam, E. Morin e Romano Guardini únense ao de Thomas S. Eliot que escribía: “Todo o noso pensamento europeo adquire significación polos antecedentes cristiáns. Un europeo pode non crer na verdade da fe cristiá, pero todo o que di, cre e fai, xorde da herdanza cultural cristiá e soamente adquire significación en relación con esta herdanza.
Soamente unha cultura cristiá puido producir un Voltaire ou un Nietzsche… A cultura europea non poderá sobrevivir á desaparición completa da fe cristiá. Se o cristianismo desaparecese, toda a nosa cultura desaparecería con el”.
A Europa do mañá ha de camiñar coa conciencia de que non se pode destruír nin esgotar a realidade; de que o home é realidade sagrada e inviolable e non se pode ferir nin matar, desprezar, deixar morrer; de que o próximo é aquel de quen cada un é responsable, non podendo construír o propio sen velar pola persoa que temos ao noso lado.
Só a forza espiritual da verdade pode axudarnos a recuperar a confianza cuxa carencia nos leva á trivialidade. No proceso que estamos a vivir, Europa está chamada, ante todo, a reencontrar a súa verdadeira identidade: unidade na diversidade, comunidade de nacións reconciliada e aberta aos outros continentes. Dicir “Europa” quere dicir “apertura”. Por iso debe ser un Continente acolledor, que siga realizando na actual globalización non só formas de cooperación económica, senón tamén social e cultural. Neste sentido é necesaria unha renovación ética e espiritual que se inspire nas súas raíces cristiás.
“No proceso de integración do Continente é de importancia capital ter en conta, afirmaba san Xoán Paulo II na súa exhortación postsinodal sobre a Igrexa en Europa, que a unión non terá solidez se queda reducida só á dimensión xeográfica e económica, pois ha de consistir ante todo nunha concordia sobre os valores, que se exprese no dereito e na vida”. Considero que Europa non malgastou a súa herdanza espiritual, pero talvez a tena esquecida. E unha herdanza non se fai propia ata que non se conquista, opinaba Goethe.
En opinión dalgúns pensadores Europa é “unha herdanza” (Nikolaus Lobkowich), “unha memoria” (Julián Marías), “unha conciencia” (Radim Palous) e “un proxecto” (Jacek Wozmiatowski). Máis que un continente, é un contido como dicía Ortega e Gaset, sendo o cristianismo o seu elemento identificador. A peregrinación á tumba do apóstolo Santiago o Maior e o Camiño de Santiago recolleron con fondura o sentir relixioso popular da Europa cristiá.
A tradición xacobea, valor constitutivo e constituínte da civilización común europea, tivo un influxo decisivo no proceso da súa configuración. Abandonar esta tradición supoñería prescindir dunha inspiración e axuda para un dos maiores retos do presente: a unidade. O Camiño de Santiago alimenta a esperanza de construír un futuro acorde coa xenerosidade e grandiosidade de ideais inherentes nas auténticas raíces europeas.
A Igrexa compostelá, como dixo san Xoán Paulo II, “quere seguir sendo compañeira de viaxe para a humanidade; tamén para nosa propia humanidade, ás veces dolorida e abandonada por mor de tantas infidelidades, e sempre menesterosa de ser guiada cara á salvación no medio da densa néboa que se cerne ante ela, cando se volve lánguida a conciencia da común vocación cristiá, mesmo entre os mesmos fieis”. A esperanza de hoxe reflectirá o futuro do mañá en “a nova Europa do espírito”.
Mons. Julián Barrio