A Fundación San Rosendo reafirma na Catedral compostelá a súa vocación de servizo aos máis vulnerables

  • Santiago reúne a profesionais, voluntarios e usuarios da entidade nunha celebración presidida polo arcebispo compostelán.
  • Mons. Francisco José Prieto reivindica “a arte de coidarnos” e a atención aos máis vulnerables.
  • O bispo de Ourense concelebrou a eucaristía celebrada este martes na Catedral.
 A Catedral de Santiago acolleu este martes 12 de maio unha solemne celebración eucarística organizada pola Fundación San Rosendo, presidida polo arcebispo de Santiago, mons. Francisco José Prieto Fernández, e concelebrada polo bispo de Ourense, mons. Leonardo Lemos Montanet. A misa, celebrada ás 12.00 horas, reuniu a profesionais, voluntarios, coidadores, peregrinos e usuarios vinculados á entidade social galega nun ambiente de fe, gratitude e convivencia.
Durante a homilía, o arcebispo destacou o valor da fraternidade e o coidado mutuo, tomando como referencia os primeiros pasos das comunidades cristiás narrados no libro dos Feitos dos Apóstolos. O prelado destacou a importancia do fogar e da familia como espazos onde “se acolle a vida” e onde crecen “a proximidade, o perdón e o amor”.
Neste contexto, dedicou unhas palabras especiais ao labor de quen traballa no ámbito asistencial e social. “Temos que aprender a arte de coidarnos”, afirmou, aludindo ao traballo que se desenvolve en residencias, centros de atención e familias. Tamén lembrou a necesidade de “redescubrirnos como familia”, superando prexuízos e ideoloxías que, dixo, “empequenecen e empobrecen o corazón”.
A celebración serviu tamén para poñer en valor a traxectoria da Fundación San Rosendo, entidade nada no ámbito de Cáritas Diocesana de Ourense en 1972 baixo o impulso do sacerdote Benigno Moure. Posteriormente, en 1992, o Obispado de Ourense constituíu oficialmente a fundación co obxectivo de desenvolver funcións de asistencia social en Galicia.
A institución, que toma o nome do bispo ourensán San Rosendo, centra a súa actividade na atención a maiores, nenos e persoas con discapacidade. Na actualidade, conta con 73 centros asistenciais repartidos polas catro provincias galegas, entre eles residencias de maiores, apartamentos tutelados, centros de discapacidade e rehabilitación, alén dunha escola infantil e tres centros de augas mineromedicinais.
O 89% das súas instalacións atópanse en municipios rurais. A Fundación dispón de 3.919 prazas asistenciais, un orzamento de 70 millóns de euros e xera máis de 2.378 empregos directos en Galicia.

Previous articleEncuentro Diocesano de catequesis del Arzobispo de Santiago con los adultos bautizados en la Pascua
Next articleO arcebispo de Santiago continúa a súa axenda pastoral cun encontro no arciprestado de Iria-Santiago