- A exposición chega ao seu final este sábado, cunha media de 776 visitantes ao día.
‘Hospitalitas’, a XXVII edición das Idades do Home pecha as súas portas esta fin de semana despois de cinco meses de apertura desde que o pasado día 19 de xuño o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o presidente da Junta de Castilla y León, Alfonso Fernández Mañueco, inaugurasen a exposición acompañados polo presidente da Fundación As Idades do Home, Mons. Abilio Martínez Varexa, e o Arcebispo de Santiago, Mons. Francisco José Prieto.
Neste tempo, máis de 125.000 persoas pasaron pola cripta do Pórtico da Gloria e o Mosteiro de San Martín Pinario. Esta cifra achegouse no acto institucional de clausura celebrado este venres, e a falta das cifras exactas que se poderán concretar co peche do sábado pola tarde. Nese acto estiveron presentes o Secretario Xeral da Fundación As Idades do Home, José Enrique Martín, o Arcebispo de Santiago e o conselleiro de Cultura, Lingua e Mocidade, José López Campos.
Os datos rexistraron a visitantes de todas as comunidades autónomas españolas, tamén a procedentes de numerosos destinos internacionais, que de maneira individual ou en grupo participaron da mostra. Tamén un significativo número de alumnos de centros educativos que optaron polo programa escolar ‘Coñece o teu patrimonio’; máis de mil deles foron da cidade compostelá e a súa comarca.
En palabras de José Enrique Martín, “celebrar unha edición en dúas localidades de dúas comunidades autónomas foi un reto loxístico que nos demandou un importante esforzo que se viu recompensado coas mensaxes de satisfacción que nos transmitiron os visitantes.” E engadiu que “o presente e o futuro de proxectos como As Idades pasan por potenciar experiencias de calidade que calen na memoria das persoas e deixen nelas un sentimento de calidez.”
‘Hospitalitas’ en Santiago de Compostela
En total reuníronse 170 pezas chegadas desde todas as dioceses de Galicia, Castela e León, as catedrais do Camiño de Santiago Francés, a Vía da Prata, Francia e Portugal ao redor da temática da hospitalidade. A iniciativa contou coa colaboración da Xunta de Galicia e a Fundación Catedral de Santiago, e reúne aos grandes nomes da historia da arte como Juan de Juni, Gregorio Fernández, Murillo, Berruguete ou Luis Salvador Carmona, que conviviron con obras de arte de autores contemporáneos, tecnoloxía inmersiva ou realidade virtual.
Hospitalitas desenvolveuse tamén de maneira simultánea na localidade leonesa de Villafranca del Bierzo, manifestando a unión entre as dúas comunidades autónomas a través do patrimonio e do Camiño de Santiago.
As Idades do Home, 1988-2023
As Idades do Home é o proxecto cultural máis emblemático e con máis proxección dos que se desenvolven en Castela e León e un dos máis importantes no noso país.
Baixo a finalidade da conservación, investigación e difusión do patrimonio relixioso de Castela e León, a súa orixe remóntase a 1988 e o seu padroado fórmano os arcebispos e bispos das once dioceses castelán e leonesas.
Desde a súa xénese en 1988 ata o día de hoxe, desenvolvéronse un total de 26 grandes edicións en catedrais e templos emblemáticos que foron visitados por 12 millóns de persoas e que supuxeron o achegamento a máis de 5.200 pezas de arte relixiosa.
Estes 36 anos depararon, ademais dunha infinidade de proxectos cun traballo que soubo adaptarse ás necesidades de cada momento, a posibilidade de levar o nome de Castela e León a lugares como Nova York e Anveres. É
un proxecto valorado e estimado pola sociedade, que soubo recoñecer o seu traballo con innumerables mencións e premios por exemplo a Medalla de Ouro das Cortes de Castela e León ou a proposta polo Senado español ao Premio Príncipe de Asturias da Concordia.