- “Ser arcebispo non é unha tarefa solitaria na que un deba facelo e selo todo nin moito menos, senón misión compartida desde o ministerio e o carisma que o Señor deu a cada bautizado”
- “Acollamos a chamada que Divos fainos para ser unha Igrexa que non quede paralizada nas estruturas, en actitudes meramente ideolóxicas ou nas inercias pastorais”
- “Con paciencia e mestría, con xesto sobrio e palabra fonda, ensinoume e axudou a coñecer e querer a esta Igrexa compostelá”
- “Ante o evidente retroceso do uso do galego nas nosas celebracións todos os fieis, todos os axentes de pastoral debemos entoar un mea culpa, xa sexa por descoido ou por complexos e prexuízos”
- Humilde, intelixente, ben preparado e boa persoa, Francisco José Prieto Fernández (Ourense, 1968) tomará posesión, nuns días, da Arquidiocese de Santiago de Compostela, que, ao seu xuízo, é máis que unha diocese: “É como un gran mosaico”. Agradece a monseñor Barrio, que “me ensinou e axudou a coñecer e querer a esta Igrexa compostelá”. Quere, soña e desexa unha Igrexa entendida como “misión compartida”, aberta e en saída, como pide o Papa, e, ademais, encarnada: “Ante o evidente retroceso do uso do galego nas nosas celebracións todos os fieis, todos os axentes de pastoral debemos entoar un mea culpa”.
- O novo arcebispo pide aos seus fieis “sentidiño” (un termo moi característico da forma de ser e actuar dos galegos) para as próximas eleccións: “Creo sinceramente na capacidade da nosa xente que, con “sentidiño” e liberdade, saberá exercer un voto coherente coa súa conciencia e as súas crenzas”. E, como soñar non custa nada, monseñor Prieto cre que aínda é posible que o Papa Francisco visite Compostela “con motivo da JMJ” ou “noutra ocasión oportuna”.

Esperaba seguir a tradición compostelá dos auxiliares convertidos en arcebispos? Que sentiu cando llo comunicaron?
En Santiago, en ocasións, facíanme referencia á tradición sobre o bispo auxiliar como sucesor do arcebispo. Había precedentes, pero iso non implicaba que fose unha regra fixa. A miña tarefa fundamental era centrarme nas miñas obrigacións como bispo auxiliar, e saber que o discernimiento para esa decisión era responsabilidade da Santa Sé.
Cando me comunicaron, a mediados de marzo, que o Papa decidira nomearme arcebispo de Santiago, ademais de gardar uns segundos de silencio tras o que me acababan de dicir, como reacción inmediata experimentei unha mestura emocional entretecida de desconcerto e confianza. Todo sucede tan rápido que resulta difícil describir o momento. Só horas despois tomas conciencia da misión encomendada e da fraxilidade que te acompaña e poste nas mans do Señor.
Atafégalle o peso de ser un dos arcebispos máis novos de Compostela?
Máis que a idade, atafega a responsabilidade que supón ser pastor e bispo dunha Igrexa diocesana como é a arquidiocese compostelá. Nestes dous anos como bispo auxiliar procurei coñecer de preto unha extensa e diversa xeografía social e relixiosa: unha abundancia fecunda de realidades pastorais nas súas parroquias rurais e urbanas, de costa e interior, nos seus grupos e movementos, na vida relixiosa, na acción socio-caritativa, na entrega xenerosa dos sacerdotes.

Cando vexo o mapa da arquidiocese e pos nome e rostro a cada lugar (e aínda me queda moito por coñecer), dáste conta de que ser arcebispo non é unha tarefa solitaria na que un deba facelo e selo todo nin moito menos, senón misión compartida desde o ministerio e o carisma que o Señor deu a cada bautizado.
Cal será a súa maior ilusión como arcebispo de Compostela?
Acórdome daquelas palabras do papa Francisco en Evangelii Gaudium cando afirma que soña cunha opción misioneira capaz de transformalo todo, para que os costumes, os estilos, os horarios, a linguaxe e toda estrutura eclesial se converta nun leito axeitado para a evangelización do mundo actual máis que para a autopreservación (nº 27). Ao comentalas, adoito dicir que o “soño” non é nin un pesadelo nin unha alucinación, senón o plan de Deus para cada un, para cada Igrexa diocesana, para todo o pobo de Deus. Soñar pode ser que todos – arcebispo, sacerdotes, consagrados, laicos – acollamos a chamada que Deus nos fai para ser unha Igrexa que non quede paralizada nas estruturas, en actitudes meramente ideolóxicas ou nas inercias pastorais, senón disposta a percorrer xuntos o camiño do Evanxeo. Non é fácil pasar das boas intencións e dos soños á realidade, pero tampouco escusarnos nas nosas comodidades e queixumes. Precisamos renovar unha escoita con oídos no corazón: a Deus e a súa Palabra, aos irmáns, aos homes e mulleres deste tempo tan complexo que nos tocou vivir. Na escoita recoñécense as preguntas que de verdade piden resposta desde a fe, desde o Evanxeo.
Que aprendeu de D. Julián e que é o que máis lle agradece?
Dous anos como bispo auxiliar xunto a don Julián permitíronme descubrir como vive o seu ministerio pastoral: con fonda fe, feito de palabras sabias e de xestos sinxelos. A súa entrega e dedicación a esta arquidiocese de Santiago foi plena en todos estes anos, desde que chegou en 1993 como bispo auxiliar e todos os que estivo á fronte da mesma como arcebispo. Estou convencido que o Señor, que ve no escondido, saberá recoñecelo como corresponde. Persoalmente, quero agradecerlle que, desde o primeiro momento, acolleume con afecto paterno e proximidade de irmán; e con paciencia e mestría, con xesto sobrio e palabra fonda, ensinoume e axudou a coñecer e querer a esta Igrexa compostelá.

O Camiño converte a Santiago en algo máis que unha diocese?
Estes días, ao percorrer algunha das prazas que rodean a Catedral de Santiago, chámame a atención, non só a cantidade, senón sobre todo a diversidade de rostros e linguas que ves e oes. Xa non é Ano Santo, como o foi no 2021-2022, pero Santiago móstrase, unha vez máis, como unha Igrexa diocesana cunha especial vocación de acollida e universalidade, amante das súas raíces cristiás e as súas tradicións locais e, ao mesmo tempo, meta de tantos camiños polos que chegaron e chegan peregrinos que buscan unha “ultreia” de sentido e fondura, de fe e esperanza. Santiago é como un gran mosaico no que o Camiño mostra que, tras a meta que conduce á tumba do Apóstolo, hai unha peregrinación máis profunda que nos conduce a un horizonte de plenitude e transcendencia
Fixo algunha vez o Camiño?
Fíxeno con ocasión da Xornada Mundial da Mocidade que tivo lugar en Santiago en 1989. Naquel momento era seminarista en Ourense, e peregrinamos co grupo diocesano de mozos. Tanto o camiño desde Ourense como os días da JMJ foron unha inesquecible experiencia.
Vai incrementar a presenza do galego na liturxia?
Ante o evidente retroceso do uso do galego nas nosas celebracións todos os fieis, todos os axentes de pastoral debemos entoar un mea culpa, xa sexa por descoido ou por complexos e prexuízos. A nova edición da Biblia en galego (4ª, 2021) ou a versión revisada do Misal Gallego que está xa moi avanzada, úrxennos a retomar un compromiso, persoal e diocesano, en favor da lingua galega, tanto para falar con Deus como entre nós nos espazos eclesiais. O galego como lingua é un patrimonio vivo de todos os galegos: con el expresamos o que somos, o que sentimos e tamén ha de expresar o que cremos cando celebramos a fe ou oramos a Deus.

Como suplir a escaseza de sacerdotes, especialmente no mundo rural?
Toda crise, e a escaseza de sacerdotes e un mundo rural envellecido e disperso son, habemos de velo, non como unha ocasión para lamentarnos, senón como unha oportunidade, como unha chamada a redescubrir realidades que quizais tiñamos esquecidas. A vida pastoral das nosas comunidades e parroquias, tanto rurais como urbanas, precisa unha verdadeira conversión pastoral, persoal e comunitaria, desde a que descubramos que todos os bautizados (laicos, relixiosos e sacerdotes) somos actores da misión da Igrexa, que todos somos chamados a ser discípulos misioneiros. Dar o paso de ser “clientes” a ser crentes supón deixar atrás rutinas e inercias pastorais e dar paso a unha vivencia sinodal da corresponsabilidade na acción evanxelizadora. Precisamos unha renovada creatividade pastoral que, tendo presente a realidade das nosas parroquias, a súa importancia e as súas carencias, e superando, ao mesmo tempo toda forma de clericalismo e parroquialismo, condúzanos a establecer unidades pastorais que integren as parroquias e comunidades nunha acción pastoral conxunta de equipos apostólicos de sacerdotes, relixiosos e laicos. Xa sei que non é un camiño fácil, pero é necesario percorrelo senón queremos ver como as nosas parroquias se volven cada vez máis pequenas e empobrecidas na súa vida de fe.
Pódese acabar co clericalismo na Igrexa, como pide o Papa?
Nunha ocasión dixo o papa Francisco que “cando falta a profecía, o clericalismo ocupa o seu sitio”. Sexa de sacerdotes ou de laicos, o clericalismo deteriora o sentido xenuíno de calquera ministerio e carisma na vida da Igrexa. O clericalismo é un exercicio de narcisismo que nace cando, en calquera opción ou acción cristiá, centrámonos en nós mesmos (mundanidade espiritual), e constituímonos no eixo sobre o que todo debe discorrer: desvirtuamos e esquecemos que somos chamados a servir, non a servirnos uns doutros. Erradicalo na vida de nosas Igrexas e comunidades é unha esixencia dunha auténtica conversión pastoral.

Que pide aos galegos de cara ás eleccións municipais?
Fonte: José Manuel Vidal | Religión Digital






