A Parroquia de Soaserra celebra a festa de Santa Eulalia

A parroquia de Santa Eulalia de Soaserra, no municipio de Cabanas, celebrou hoxe, sábado 13 de decembro, unha das citas máis destacadas do seu calendario relixioso coa festa en honra á súa patroa. Ao longo da xornada, numerosos veciños e devotos congregáronse para compartir unha Eucaristía solemne vivida con recollemento e alegría, reflexo da profunda devoción e do forte vínculo que une á comunidade coa súa igrexa e cunhas tradicións que seguen moi vivas.

O acto central da xornada foi a misa solemne, presidida polo arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Francisco José Prieto Fernández, quen estivo acompañado no altar polo párroco de Soaserra, Gerardo Camacho Briceño. A celebración contou ademais coa participación do coro “Ángeles de Deus”, que acompañou musicalmente a liturxia e contribuíu a realzar a solemnidade do acto.

Soaserra é coñecida pola súa igrexa parroquial do século XIX, un templo que destaca polo seu retablo barroco e por un simbolismo de raíces monásticas. Nos últimos tempos, a comunidade parroquial levou a cabo un importante traballo de coidado, restauración e posta en valor do templo e da súa contorna, un esforzo que foi expresamente recoñecido polo arcebispo durante a súa homilía.

Na súa mensaxe, monseñor Prieto situou a celebración no contexto do tempo de Advento, ao que definiu como “un tempo fermoso de esperanza”, lembrando que “a esperanza ten nome, e é Xesús, o Señor”. O prelado subliñou que esa mesma esperanza foi a que sostivo a Santa Eulalia no martirio e a que hoxe segue acompañando ás comunidades cristiás no seu camiñar diario.

O arcebispo quixo felicitar de maneira especial os veciños da parroquia polo estado do templo, ao que definiu como “a casa do Señor e a casa de todos os seus fillos e fillas”. Destacou o traballo compartido, a xenerosidade, a paciencia e o esforzo constante que permitiron que a igrexa “luza fermosa e resplandeciente”, converténdose nun espazo acolledor, con “calidez de fogar e de familia”. Neste sentido, lembrou que, máis aló das pedras e os muros, a parroquia fórmana as persoas, “as pedras vivas”, aínda que subliñou tamén a importancia de contar cun lugar onde a comunidade poida reunirse, celebrar e acompañarse nos momentos clave da vida.

Durante a homilía, o arcebispo evocou a figura de Santa Eulalia, mártir adolescente nada en Mérida, que entregou a súa vida por fidelidade á súa fe. Presentouna como exemplo de fortaleza interior, unha fortaleza que non nace da soberbia nin da prepotencia, senón do corazón confiado en Deus. Nesa liña, animou os fieis para vivir unha fe sinxela e profunda, aberta a un Deus que, segundo explicou, “non chega facendo ruído”, senón que se acerca de maneira discreta e silenciosa, como ocorreu no nacemento de Xesús en Belén.

Monseñor Prieto convidou tamén os presentes a preparar non só os templos e os beléns, senón o propio corazón, “como un berce onde queira nacer o Señor”. Insistiu en que a esperanza cristiá non é unha simple emoción ou un desexo incerto, senón a certeza de que a vida, o esforzo e o traballo compartido teñen sentido, mesmo cando os froitos non vén de inmediato. Como exemplo, citou a restauración do templo parroquial, froito de moitos sacrificios que hoxe se traducen nunha igrexa renovada e viva.

A xornada concluíu coa tradicional procesión ao redor da igrexa parroquial de Soaserra. Con esta celebración, a parroquia puxo o broche final a unha xornada marcada pola fe, a convivencia e o orgullo dunha comunidade que segue mantendo vivas as súas raíces relixiosas, patrimoniais e culturais.

Previous articleRito de Admisión: a historia de catro vocacións en camiño
Next articleConfirmaciones en Laxe