A Diocese de Santiago de Compostela anunciou a desconvocatoria da Peregrinación Diocesana a Terra Santa que estaba prevista entre os días 26 de xullo e 2 de agosto de 2026, no marco da preparación espiritual para o Ano Santo Compostelán 2027.
A decisión foi adoptada de xeito conxunto por Sr./Sr. Arcebispo e o equipo organizador da peregrinación, conformado por D. Ricardo Sanjurjo Otero e D. Santiago Romero Trabazo, tras un proceso de seguimento e avaliación da situación ao longo das últimas semanas. Tal e como se explicou, o clima de inestabilidade e incerteza que atravesa a rexión, aconsellou actuar con prudencia e proceder á desconvocatoria da viaxe.
Esta determinación chega despois de fixar inicialmente o período de Pascua como data límite para valorar a viabilidade da peregrinación. Finalmente, as circunstancias aconsellaron non seguir adiante coa convocatoria nas condicións previstas.
Lonxe de tratarse dunha cancelación definitiva, a diocese expón este paso como un aprazamento. A intención é retomar a iniciativa no ano 2028, unha vez pasado o Ano Santo Compostelán e coa esperanza de que a situación en Terra Santa permita entón organizar a peregrinación con maiores garantías. Así mesmo, prevese dar prioridade na futura convocatoria ás persoas que xa se inscribiran para este ano.
En canto aos aspectos prácticos, a organización iniciou xa os trámites necesarios coa axencia encargada da viaxe para a cancelación dos contratos con aeroliñas, aseguradoras e aloxamentos. Nos próximos días, os participantes recibirán información detallada sobre a devolución dos importes abonados.
Mentres tanto, desde a diocese quíxose tamén dirixir unha mensaxe próxima aos peregrinos rexistrados e a todos os diocesanos, á vez que se os invita a manter viva a dimensión espiritual da peregrinación. Neste sentido, anímase a todos a perseverar na oración pola paz, co desexo de que Terra Santa recupere a estabilidade e poida seguir sendo lugar de encontro, fe e esperanza.






