Pontevedra vive con fervor e tradición a festividade da Virxe Peregrina

A capital de Pontevedra celebrou este domingo o día grande da súa patroa, a Divina Virxe Peregrina, nun ambiente marcado pola devoción, a tradición e o compromiso comunitario. A xornada, que cada segundo domingo de agosto congrega a miles de persoas, comezou coa Solemne Eucaristía na basílica da Peregrina, presidida polo arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Francisco José Prieto Fernández.

. Ás 12:00 horas, o templo encheuse de fieis e dunha ampla representación institucional e eclesial. Concelebraron sacerdotes de distintas parroquias. Estiveron presentes o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López; o presidente da Xunta Directiva e membros da Confraría da Peregrina; autoridades civís e militares; membros dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado; representantes da vida consagrada, así como un nutrido grupo de devotos vindos de toda a provincia.

Durante o acto, Luis López realizou a ofrenda institucional, un encargo que asume por segunda vez desde que preside a Deputación. Na súa intervención, reivindicou a unidade e as raíces da provincia, afirmando que “cada segundo domingo de agosto, a festividade da Virxe Peregrina resalta unha Pontevedra de raíces”, unida pola tradición, a comuñón familiar e a ilusión polo futuro.

Na homilía, mons. Prieto situou a festividade dentro dunha historia viva que une fe e compromiso social. Lembrou que esta cita anual é “un encontro que nos vincula, humanízanos e fainos recoñecernos en verdadeira fraternidade”.

Inspirado nas lecturas do día, o o prelado compostelán subliñou a condición de pobo en camiño que caracteriza tanto aos crentes como á advocación da Virxe Peregrina: “Somos pobo peregrino, pobo que confía no Señor, pero que fai da confianza compromiso, e fai da confianza vixilancia e atención”. E convidou a vivir a fe como unha actitude activa, afastada da indiferenza.

Monseñor Prieto insistiu en que o verdadeiro culto a María implica traballar polo ben común, superar prexuízos e tender pontes onde sobran muros e fronteiras. Defendeu unha fraternidade real que protexa a dignidade de todas as persoas, desde os máis pequenos ata os maiores, e denunciou a violencia que golpea a familias e pobos en distintas partes do mundo. “Pronunciar a palabra paz é un compromiso”, sinalou, lamentando os conflitos actuais e chamando a un esforzo compartido para que a xustiza, a verdade e a bondade non coñezan límites.

O arcebispo concluíu encomendando á patroa de Pontevedra as familias da provincia, pedindo que sexan sempre “protexidas, acollidas e sostidas” como núcleo vital da sociedade. Animou a todos a seguir o exxemplo de María, que desde o primeiro momento “púxose en camiño” e acompaña aos crentes no seu peregrinar.

A xornada festiva continuou pola noite, cando, ás 21:00 horas, a imaxe da Virxe Peregrina saíu en procesión polas rúas do centro histórico. O percorrido, presidido tamén por monseñor Prieto, estivo acompañado por música tradicional, confrades, autoridades, corpos uniformados e unha multitude de fieis, que entre aplausos e rezos reafirmaron o vínculo profundo que une a Pontevedra coa súa patroa.

Previous articleXubileo da Mocidade diocesana: onde a esperanza se fai camiño
Next articleNomeamentos diocesanos na Diocese de Santiago de Compostela