Ourives de Compostela traballa na restauración de 40 pezas antigas de arte sacro

  • O proxecto, impulsado polo Arcebispado de Santiago de Compostela, o Concello de Santiago, e a Deputación da Coruña, forma parte do Plan Estratéxico da Ourivería e busca preservar o patrimonio e garantir o relevo xeracional dun oficio histórico.

O Palacio Arcebispal acolleu hoxe a presentación dalgunhas das 40 pezas de arte sacro que están a ser restauradas pola asociación Ourives de Compostela, grazas a un convenio de colaboración do Arcebispado de Santiago de Compostela, o Concello de Santiago, e a Deputación da Coruña.

Entre as pezas xa recuperadas e exhibidas destacan o báculo co que Santiago agasallou ao cardeal Marín de Herrera en 1914, e varias cruces procesionais do século XVIII procedentes de parroquias como San Estevo de Cobas, Santiago de Betanzos ou San Lourenzo de Irixoa. A restauración corre a cargo de recoñecidos ourives santiagueses como Manuel Dávila, Roberto Pampín e Roberto de la Iglesia, que empregan técnicas tradicionais coidadosas para manter a autenticidade das obras.

O Arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto, subliñou que estas restauracións representan “un patrimonio vivo, expresión da fe, da historia e da arte dun pobo”. O prelado compostelán destacou que “cada peza restaurada fala das nosas parroquias, das nosas tradicións, e do corazón posto polos artesáns que coidan con mestría e respecto o legado recibido”. Agradeceu tamén a colaboración institucional, sinalando que “a Igrexa non é allea á sociedade, senón parte dela, e o seu patrimonio está ao servizo de todos”.

O programa tamén inclúe accións complementarias como o control da autenticidade do acibeche, en colaboración co Instituto de Materiais da USC, co obxectivo de preservar a calidade dun material clave na tradición artesá galega.

Previous articlePremios do Casino de Santiago, promovendo a loita contra a exclusión e as desigualdades sociais
Next articleMons. Francisco Prieto preside a celebración en honra de San Xosé Benito Cottolengo