
Na súa homilía, monseñor Prieto Fernández agradeceu a acollida en “esta terra que tanto fala da nosa historia e das raíces da fe”, lembrando a tradición que sitúa en Iria Flavia a chegada dos restos do apóstolo Santiago. Convidou os asistentes a redescubrir o sentido do Xubileu convocado polo Papa Francisco e continuado polo Papa León, subliñando que este tempo especial é unha oportunidade “para renovar a fe, a esperanza e o amor na vida cristiá e comunitaria”.
O arcebispo animou os fieis para ser “artesáns da reconciliación”, capaces de poñer “alma, corazón e vida” no seu compromiso cos demais. “O artesán —dixo— non traballa en serie; no que fai pon a súa alma. Así debe ser tamén a nosa fe: feita de vida e de encontro, non de rutina nin de prexuízos”.
O arcebispo reflexionou tamén sobre a necesidade de vivir a esperanza desde o amor concreto ao próximo: “O Señor non nos espera lonxe, senón á beira, no irmán. Deus non é meu nin teu, é noso”. E engadiu: “Se dicimos noso Pai, recoñecemos que somos fillos amados e irmáns chamados á unidade”.
Durante a celebración, o arcebispo lembrou a recente mensaxe do Papa León, Dilexi che, en continuidade co ensino do Papa Francisco, insistindo en que “todos somos amados por Deus e chamados a amar especialmente os máis esquecidos e necesitados”.
A xornada xubilar culminou cun ambiente de comuñón e esperanza compartida. Fieis de distintas comunidades parroquiais, servidores do altar e representantes civís participaron nunha celebración que puxo de manifesto o espírito dunha Igrexa “que camiña unida e con alegría”, como destacou monseñor Prieto ao final da Eucaristía.






