. O encontro realizouse baixo o lema “Camiñar sobre o mar: Roma, Santiago e Xerusalén. Para un novo espazo Euromediterráneo”
O arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, participou este domingo nunha mesa redonda celebrada en Pistoia, en Italia, co lema “Camiñar sobre o mar: Roma, Santiago e Xerusalén. Para un novo espazo Euromediterráneo”, e na que tamén interviñeron o cardeal Gualterio Bassetti, bispo de Perugia, e monseñor Pierbattista Pizzaballa, Patriarca Latino de Xerusalén. O encontro foi moderado polo director do diario “Avvenire”, Marco Tarquinio. A mesa redonda formaba parte do festival organizado pola Diocese de Pistoia “I linguaggi do divino”.
O diario italiano tamén publicou neste mesmo domingo unha entrevista con monseñor Barrio, na que este falaba sobre a situación que se vive nas dúas ribeiras do Mediterráneo, sobre o significado de Compostela e o Camiño de Santiago na construción europea e sobre a estreita relación existente entre a cidade de Pistoia e a capital que acolle a tumba de Apóstolo Santiago («Alla scuola dei san Giacomo il Mediterraneo sia casa per tutti» (avvenire.it)).
Sobre o Camiño de Santiago, monseñor Barrio indicou que é unha ruta para o espírito humano que se rebela a desaparecer baixo a asfixia da propia inmanencia. Indicou que é unha experiencia aberta a todos e que ao longo do Camiño o peregrino redescubre a natureza, pacifícase coa creación e ábrese ao ámbito da contemplación.
Nese senso, o arcebispo compostelán explicou que o peregrino á tumba do Apóstolo ha de sentirse como un viaxeiro do sagrado e un transmisor de saberes, atopándose coa tradición apostólica que fundamenta a fe para facer presente a Deus que é un ben para a sociedade, co testemuño cristián de cada día. E dixo, ademais, que o Xubileo Compostelán, que recolle a máis profunda tradición bíblica e cristiá dos Anos de Graza do Señor, máis que nunca quere ser un tempo para a ledicia e a liberación, unha oportunidade para comezar de novo, grazas á misericordia do Señor.
Pistoia, conserva unha intensa relación con Compostela nada no século XII, cando o bispo Atón logra unha reliquia do apóstolo Santiago do seu homólogo compostelano Diego Xelmírez. A reliquia está depositada nun fermoso relicario na catedral local de San Zeno.
Pistoia mantén no presente a súa vocación xacobea e nela tivo lugar un dos fitos do renacer do Camiño de Santiago nos pasados anos oitenta. Foi un recordado congreso internacional sobre esta cidade e a cultura xacobea europea (1987).






