Mons. Julián Barrio reúnese co Equipo sinodal diocesano

Este luns 16 de maio, o Equipo sinodal diocesano (do que forma parte mons. Francisco Prieto, bispo auxiliar) mantivo unha reunión de traballo con mons. Julián Barrio, sobre a marcha do proceso sinodal.

Na mesma, o Equipo sinodal fixo entrega ao arcebispo de Santiago de Compostela do documento de Síntese das conclusións enviadas polos grupos de reflexión sinodal que se constituíron e traballaron os materiais en torno ao Sínodo sobre a sinodalidade convocado polo papa Francisco.

Ao longo destes meses máis de 60 grupos pertencentes a máis de 50 realidades eclesiais de todo tipo ao longo da diocese, remitiron ao Equipo sinodal reflexións e propostas sobre os tres eixos do proceso sinodal: comuñón, participación e misión.

A labor de síntese foi complexa, por unha banda debido a diversidade de propostas, e por outra banda, debidos aos xa sabidos problemas para manter reunións motivadas polas restriccións sanitarias. Asemade, a dificultade vén tamén determinada polo feito de que a síntese diocesana ten que ter unha determinada estrutura e non pode superar dez páxinas para poder ser recibida polo Equipo sinodal da Conferencia Episcopal Española.

A Síntese diocesana, tras as achegas do Sr. Arcebispo, será en primeiro lugar trasladada a todos os grupos sinodais, como mostra e signo de comuñón, de transparencia e de participación no proceso sinodal. Posteriormente, será tamén presentada no Consello Pastoral Diocesano e, finalmente, na Asemblea final de curso, para o coñecemento de todo o Pobo de Deus que peregrina na nosa diocese compostelana.

 

Previous articleMons. Julián Barrio na solemne ceremonia de votos perpetuos de Silvia Rozas, directora de Ecclesia
Next articleConstitución oficial del nuevo Consejo Pastoral Diocesano