José Ramón Amor Pan, ordenado diácono permanente

  • José Ramón Amor Pan foi ordenado por mons. Francisco José Prieto na Igrexa de San Francisco (Betanzos).
  • É o noveno diácono permanente da Diocese.

José Ramón Amor Pan foi ordenado por mons. Francisco José Prieto na Igrexa de San Francisco (Betanzos). É o noveno diácono permanente da Diocese. Hoxe sábado 10 de agosto, día no que a Igrexa celebra a San Lourenzo de Roma -mártir, patrón dos diáconos e un dos máis antigos martirios que están documentados-, a Igrexa de San Francisco (Betanzos) acolleu a Eucaristía de ordenación dun novo diácono permanente ao servizo da Igrexa que peregrina en Santiago de Compostela. Trátase de José Ramón Amor Pan, que foi ordenado mediante a imposición de mans e a oración consecratoria do pastor diocesano, mons. Francisco José Prieto Fernández. A cerimonia comezou ás 12:00 horas e, nela, Amor Pan selou un compromiso que o unirá para sempre á vida litúrxica, pastoral e caritativa da Diocese de Santiago.

O termo diácono etimolóxicamente provén da palabra grega “διακονία”, “diaconía”, que significa servizo. É dicir, que o diácono, unha vez que é ordenado, o seu principal labor é estar ao servizo da Igrexa, en concreto ao servizo dos outros dous graos do sacramento da orde sacerdotal: a orde episcopal (os Bispos) e a orde do presbiterado (os sacerdotes ou presbísteros). Neste sentido, o diácono permanente é un home comprometido coa comunidade e coa Santa Igrexa católica, misericordioso e respectuoso podendo estar casado ou solteiro.

O arcebispo de Santiago, acompañado dun nutrido número de sacerdotes e diáconos, lembrou na súa homilía que o ministerio que se lle encomendaba era ante todo unha misión de servizo: “servides como Cristo serviu e servides a Cristo nos irmáns”.

Mons. Prieto destacou que o servizo pide gastarse e desgastarse, no senso de que non é unha mera solidariedade, senón que é o servizo unha entrega dun mesmo, e de aí brotarán compromisos, proxectos, accións ou xestos: “servimos cando nos damos (…), servimos cando nos entregamos no que facemos (…), e o servizo facémolo en nome de Xesús”.

O arcebispo afirmou que “a diaconía é nota esencial na vida do cristián e hoxe será para ti sacramento, ministerio, entrega, a túa vida totalizada por ese servizo”. E engadiu que a diaconía é “convocatoria de todos e cada un de nós polo Señor, que nos chama como discípulos a servir como El serviu”.

D. Francisco tamén destacou que “servimos como Cristo e servimos a Cristo nos irmáns”, polo que para levar isto a cabo, é necesario nutrirse na Mesa do Altar. Pediu a José Ramón servir con gozo, con alegría, desde o xesto, desde a presenza gozosa.

José Ramón Amor Pan é tamén o delegado para o Desenvolvemento Humano e Integral. Afirma que “ser cristián é, ante todo, ser consciente de que, como bautizados, fomos convertidos en sacerdotes, profetas e reis, e que a nosa vida ten que resplandecer no medio do mundo como luz e ten que ser ese sal e ese fermento para que nos convoca o Señor”.

O novo diácono permanente valora como liñas fundamentais do seu servizo a atención aos enfermos, ás persoas con discapacidade, ás persoas migrantes, toda a cuestión da ecoloxía integral e, por suposto, todo o que ten que ver co ensino da doutrina social da Igrexa.

Amor Pan destaca a palabra virtude e dentro dela, sobre todo, a palabra fraternidade: “As nosas parroquias, os colexios católicos, as residencias de anciáns católicas, calquera das nosas institucións ten que fortalecer o sentido comunitario da vida humana”.

Coa ordenación de hoxe, son nove os diáconos permanentes da Arquidiocese de Santiago de Compostela.

 

Previous articleMons. Prieto, Confrade de Honor da Confradía de San Roque
Next articleFesta da Virxe Peregrina de Pontevedra