Encontro ecuménico e homenaxe a D. José Parado Viñas na Capela de San Pedro de Mouzos

O xoves 23 de xaneiro, festividade de Santo Ildefonso, a capela de San Pedro de Mouzos, na parroquia de Santo Estevo de Tremoedo, en Vilanova de Arousa, foi o escenario dunha emotiva homenaxe a D. José Parado Viñas. Con 96 anos, Parado Viñas foi distinguido pola súa extraordinaria dedicación e hospitalidade cara aos peregrinos que camiñan pola Variante Espiritual do Camiño de Santiago.
A capela de San Pedro de Mouzos é un lugar de acollida para peregrinos grazas ao incansable esforzo de D. José Parado Viñas e a súa familia. Durante moitos anos, abriron as súas portas, ofrecendo oración e brindado apoio espiritual a quen camiña por este roteiro do Camiño de Santiago.
O evento, que se enmarcou na Semana de Oración pola Unidade dos Cristiáns, foi organizado pola parroquia de Tremoedo, coa colaboración do párroco emérito D. Manuel Castroagudín e o párroco actual D. Rubén Díeguez. Destacou a presenza do arcebispo de Santiago de Compostela, Monseñor Francisco Prieto Fernández, e de varias parellas cristiás protestantes, subliñando o carácter ecuménico da celebración.

A cerimonia contou coa asistencia de numerosos sacerdotes, entre eles os párrocos de Cambados, Vilagarcía e Ouviña. A numerosa asistencia e a coidada celebración marcaron a xornada, que estivo acompañada de cánticos e oracións. Posteriormente, levouse a cabo un ágape baixo unha carpa, amenizado por un grupo de gaiteiros locais, o que engadiu un toque festivo ao encontro.
En recoñecemento ao seu labor, o concello, representado por un concelleiro en ausencia do alcalde, entregou un premio e un obsequio a D. José Parado Viñas. Ademais, Monseñor Francisco Prieto Fernández fíxolle entrega dun cadro cunha dedicatoria persoal, destacando a súa valiosa contribución á sociedade.
A celebración non só honrou a traxectoria de José Parado Viñas, senón que tamén reforzou a unidade e colaboración entre diferentes grupos cristiáns de varias parroquias.
Previous articleDobre convenio entre Arcebispado e Cáritas: Un paso máis na asistencia social
Next articleAprazado o Inicio do Ano Xubilar no Santuario Nª Sª da Barca – Muxía