O Arcebispado de Santiago formará parte do Padroado da Fundación Panteón de Galegos Ilustres

Esta mañá, o arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto, mantivo un encontro co presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; o conselleiro de Cultura, Lingua e Mocidade, José López Campos, e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, para abordar a posta en marcha do Padroado da Fundación Panteón de Galegos Ilustres.
Este Padroado é un organismo que estará presidido polo xefe do Lexislativo galego, Miguel Ángel Santalices, e contará coa participación de representantes da Xunta de Galicia e a Arquidiocese de Santiago.
Na reunión celebrada hoxe “a pedimento do Parlamento de Galicia” abordouse a cantidade do capital inicial, establecido en 30.000 €, que deberán achegar cada unha destas catro institucións.
Ademais, analizouse a designación da persoa que, en representación de cada institución, formará parte do Padroado da Fundación de Galegas e Galegos Ilustres. Segundo o establecido por lei, a Fundación estará presidida pola persoa titular da Presidencia do Parlamento de Galicia e contará, ademais, cos membros da Mesa do Parlamento e representantes da Xunta, do Concello de Santiago e da Arquidiocese de Compostela.
Previous articleOV24 | Día da Igrexa Diocesana · Arquidiocese de Santiago de Compostela
Next articleVixilia da Inmaculada | Xornada Diocesana de Mocidade 2024