Constituída a comisión asesora do Patronato da Fundación de Galegos e Galegas Ilustres

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, presidiu este venres 12 de decembro a constitución da comisión asesora do Padroado da Fundación de Galegos e Galegas Ilustres, un órgano creado en cumprimento da Lei 5/2023.

A nova comisión nace co obxectivo de orientar ao Padroado na aplicación dos regulamentos de uso e de honras do mausoleo de San Domingos de Bonaval, espazo onde repousan figuras esenciais da historia e a cultura galegas como Rosalía de Castro, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Ramón Cabanillas ou Alfredo Brañas.

O órgano asesor estará integrado por representantes do Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, a Real Academia Galega das Belas Artes, as tres universidades públicas galegas, así como das consellerías da Xunta con competencias en cultura, patrimonio histórico, facenda e orzamentos.

Tamén forman parte o Concello de Santiago, a Arquidiocese compostelá, o Museo do Pobo Galego, a Real Sociedade Económica de Amigos do País, a Confraría do Rosario e un representante de cada padroado que custodia a memoria das personalidades enterradas no Panteón de Galegos e Galegas Ilustres.

O Padroado da Fundación, presidido polo titular da Cámara autonómica, conta así mesmo con membros da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Arquidiocese e a Mesa do Parlamento. Coa creación desta comisión asesora refórzase a protección e a xestión dun espazo simbólico que rende homenaxe a quen marcou a identidade cultural e política de Galicia.

 

Previous articleConfirmaciones en Laxe
Next articleCharla de Advento na Compañía de María