Este sábado 7 de maio foi un día especial para a Parroquia de Carballo, xa que recibía a última visita de D. Julián Barrio como Administrador Apostólico.
Ás 19:30hs fe recibido polo alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado polos edís Lantes, Lamas e Tasende, na Alcaldía, onde mons. Barrio asinou no Libro de Honra do Concello: “Agradezo moito a acollida e a colaboración que sempre atopei neste concello e quen o representa. Ao terminar o meu ministerio episcopal nesta querida Arquidiocese compráceme deixar constancia do meu cordial agradecemento e os meus mellores desexos para todas as persoas que tan dignamente traballan polo ben común de todos os que forman este concello, que o Señor os siga bendicindo. Con cordial afecto, Julián Barrio, administrador apostólico de Santiago”.
Xa ás 20:00 hs. na Igrexa Parroquial San Xoán Bautista de Carballo, mons. Julián Barrio presidía unha celebración na que confirmou a 55 mozos e adultos. E que foi concelebrada polo párroco José García Gondar e por varios sacerdotes do Arciprestado de Bergantiños.
D. Julián pediu aos mozos que fosen fieis a si mesmos, xa que a Parroquia, a Diocese e a Igrexa necesita a persoas con esa fidelidade: “A fe é un don de Deus que temos que acoller”.
Tamén animou aos mozos a non ter medo a expresar no que se cre e que dá sentido á vida. Neste sentido, mons. Barrio afirmou que é necesario vivir a vida con alegría, xa que a fe en Xesús dá esa fortaleza, para no medio das dificultades, vivir con alegría: “Ide e proclamade o que realmente vistes, oído e estades a vivir xa que evanxelizar é tarefa de todos os bautizados. Ide e proclamade a mensaxe de Xesús.”
Xa ao termo da celebración, García Gondar deu lectura a unha dedicatoria escrita por José Pumar Gándara na que se facía referencia aos 30 anos de D. Julián ao servizo da Diocese compostelá.







