Organizado pola Arquidiocese de Santiago, co Patrocinio da Santa Sé e a colaboración da Conferencia Episcopal Española, o VIII Congreso Mundial de Pastoral de Turismo celébrase en Compostela desde mañá, día 5, cun completo programa de actividades e a participación de 35 relatores que poñerán en común as súas reflexións e as experiencias vividas en diferentes lugares do mundo. O Congreso, que naceu en 1970 no Vaticano, desenvolverase nesta ocasión e coincidindo co Ano Santo, na Hospedería de San Martiño Pinario baixo o lema “Turismo e peregrinación: Camiños de esperanza”.
O acto de inauguración contará coas intervencións de Monseñor Julián Barrio, Arcebispo de Santiago de Compostela; Monseñor Dariusz Giers, membro do Dicasterio para o Servizo ao Desenvolvemento Humano Integral da Santa Sé; Monseñor Ciríaco Benavente, responsable da Pastoral de Turismo da Conferencia Episcopal Española; Jacobo Bordignon, representante da Organización Mundial de Turismo; Branca Señoráns, directora xeral de Relacións Institucionais da Xunta de Galicia; e Guimersindo Guinarte, concelleiro responsable de Presidencia, Relacións Institucionais e Turismo do Concello de Santiago de Compostela.
A continuación terá lugar o primeiro relatorio, Desenvolver e fortalecer a arte do primeiro anuncio no mundo fugaz do turismo e a peregrinación: formas e contidos, que correrá a cargo de Monseñor Rino Fisichiella, prefecto do Dicasterio para a promoción da Nova Evangelización.
Data: Mércores, 5 de outubro de 2022
Hora: 16.35 horas
Acto de Inauguración do VIII Congreso Mundial de Pastoral de Turismo
Hora: 19.00 horas
Relatorio de Monseñor Rino Fisichiella
Lugar: Hospedería de San Martiño Pinario