O arcebispo de Santiago de Compostela, Francisco José Prieto Fernández, bendixo esta mañá o retablo maior da igrexa parroquial de Santa María de Trasmonte, en Ames, tras a súa recente restauración.
A cerimonia tivo lugar ás 12:00 horas e reuniu a numerosos veciños nunha eucaristía que celebrou a recuperación desta peza barroca, probablemente realizada na primeira metade do século XVIII e atribuída a Frei Manuel dos Mártires, autor tamén do retablo da parroquia veciña de Agrón.
Os traballos de restauración, executados pola empresa Almuíña Restauración, prolongáronse durante dez meses e tiveron un custo superior aos 40.000 euros, financiados entre o bispado e os veciños. A intervención permitiu devolver o esplendor orixinal a un retablo que corría risco de deterioración irreversible.
O párroco destacou a complexidade dos traballos e a implicación da comunidade. “Sentir que veciños e cura eramos un só equipo foi o que máis nos motivou”, afirmou. Con esta restauración, a parroquia de Trasmonte recupera un elemento central do seu patrimonio histórico e artístico.







