A familia Calasancia de A Coruña celebra cen anos do seu fundador, San Faustino Míguez

  • O arcebispo de Santiago, mons. Francisco José Prieto Fernández, preside a eucaristía do Centenario do fundador das Relixiosas Calasancias.
 Hai vidas que non terminan cando morren. Son vidas que, como sementes ao caer na terra, xerminan e multiplícanse. A de San Faustino Míguez, sacerdote escolapio e fundador do Instituto Calasancio Fillas da Divina Pastora, é unha desas existencias que botaron raíces profundas na historia da educación, a fe e a entrega aos demais.
Un século despois do seu falecemento, as Relixiosas Calasancias da Coruña celebraron este sábado o Centenario da súa morte cunha solemne Eucaristía presidida polo arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Francisco José Prieto Fernández, no colexio Calasancias da cidade. A cerimonia reuniu un numeroso grupo de relixiosas, sacerdotes, autoridades civís e educativas, así como a antigos alumnos, profesores e familias vinculadas ao legado do santo galego.

Foi unha xornada de memoria agradecida. “Hoxe lembramos unha ausencia, pero tamén unha presenza distinta: a dunha semente xerminada que segue crecendo na Igrexa e na escola”, proclamouse ao comezo da cerimonia. Nun ambiente de recollemento e alegría compartida, os asistentes elevaron a súa acción de grazas “pola vida de San Faustino e por todos os que fixeron do seu exemplo unha vocación viva”.
Confianza en Deus, amor que libera e esperanza que non defrauda.
Na homilía, o arcebispo de Santiago trazou un retrato espiritual e humano de San Faustino Míguez, “nacido nas terras fermosas de Celanova”, como un home que soubo conxugar a humildade do científico coa paixón do educador e a fe do sacerdote.
Monseñor Prieto Fernández comezou a súa intervención dirixíndose a “esta familia escolapia e calasancia que hoxe nos acolle na súa casa”, e agradecendo a presenza de toda a comunidade educativa. “Hoxe celebramos unha memoria agradecida de San Faustino Míguez, un deses fillos de Deus que nos ensinan coa súa vida que a santidade se tece con xestos sinxelos, con confianza e con amor”.
O prelado definiu a vida do santo como unha “fórmula maxistral”, retomando unha metáfora inspirada na súa afección científica e na súa coñecida dedicación ao estudo das plantas medicinais.

O primeiro deses ingredientes, explicou, é a confianza. “O primeiro elemento desta fórmula é confiar. E pode parecer sinxelo, pero é o máis decisivo. A medicina máis complexa nace de principios simples”, afirmou. E engadiu: “Confiar naquel que ten para ti unha misión, unha tarefa. E o que ti non fagas, outro non o fará por ti”. Esa confianza, continuou, non é inxenua nin pasiva, senón activa e comprometida.
O segundo ingrediente da fórmula maxistral foi o amor, descrito polo arcebispo como “o vínculo que todo o sostén”. Citando a carta aos Colosenses, lembrou que o amor “non te ata, o amor libérate, o amor ponte en camiño”. E engadiu: “Pablo dinos ‘revístete dun estilo novo’, pero non por fóra, senón desde dentro. Porque o amor transforma o corazón antes que as aparencias”.
O arcebispo intercaló reflexións sobre o día a día da vida escolar e familiar, lembrando que “educar é tamén un acto de amor”, unha tarefa compartida por mestres, pais e alumnos: “Todos estamos a aprender sempre. Edúcanos a vida, edúcannos os irmáns, edúcanos o exemplo dos santos. E San Faustino soubo educar non só con libros, senón con tenrura, paciencia e fe”.
O terceiro elemento da fórmula, dixo, é a esperanza, en sintonía co Ano Xubilar convocado polo Papa Francisco. “Estamos chamados a ser peregrinos de esperanza. Peregrinar non é camiñar sen rumbo, é confiar en que temos horizonte”, expresou, subliñando que “Cristo é a esperanza que non defrauda”.

Concluíu a súa homilía cunha exhortación a seguir o exemplo do santo: “San Faustino foi un artesán da vida, un home que deixou que o Espírito moldease o seu corazón. Ser santos —engadiu— non é facer milagres extraordinarios; é deixar que Deus faga de nós unha obra artesanal, única e irrepetible. Que sexamos todos, como el, artesáns da vida”.

Agradecemento e compromiso renovado

Ao termo da Eucaristía, M. Antonia Rodríguez Villanueva, superiora da comunidade relixiosa das Calasancias da Coruña, tomou a palabra para expresar o sentimento compartido por toda a congregación.

“Este día supón un agradecemento ao pasado polo legado que San Faustino nos transmitiu, pero tamén é un tempo de renovación e esperanza para a nosa congregación”, afirmou. Nas súas palabras resoou o compromiso de seguir fieis ao mandato do fundador: educar evanxelizando.

Cultura, música e convivencia

Tras a celebración litúrxica, os actos conmemorativos continuaron no Salón de Actos do colexio, onde a profesora Marta López, do colexio Calasancias de Ourense, ofreceu a conferencia titulada “San Faustino no seu contexto: unha nova visión pedagóxica na España do século XIX”.

Na súa intervención, López destacou o carácter innovador do santo escolapio, que soubo integrar a ciencia e a fe na súa proposta educativa, adiantándose ao seu tempo cunha pedagoxía centrada na persoa e aberta ao progreso.

O Coro Calasancias da Coruña puxo o broche musical ao acto, antes de que a xornada concluíse cunha comida de confraternización, na que antigos alumnos, relixiosas e familias compartiron recordos, anécdotas e o desexo común de seguir mantendo viva a obra do fundador.

Unha semente que segue dando froito

Cen anos despois da súa morte, San Faustino Míguez segue sendo, para moitos, unha inspiración viva. O seu legado continúa florecendo nos colexios calasancios e escolapios, nas aulas onde cada día se educa na fe, na ciencia e na humanidade.

 

Previous articleXubileu de presos no Seminario Maior Interdiocesán
Next articleConfirmacións na Parroquia de Figueiras