A Arquidiocese de Santiago programa catro retiros diocesanos para o curso 2026-2027

Diversas delegacións e departamentos da Arquidiocese de Santiago de Compostela, entre eles o Departamento da Causa dos Santos, organizan un novo ciclo de retiros diocesanos para o curso pastoral 2026-2027. A iniciativa ofrecerá aos participantes distintos espazos de oración, reflexión e encontro ao longo do ano litúrxico.
Os retiros están abertos a todas as persoas que desexen participar, independentemente da súa idade. A convocatoria diríxese a sacerdotes, relixiosos e relixiosas, así como a laicos e laicas, ofrecendo unha oportunidade para vivir momentos de silencio, oración e renovación espiritual. Ademais, a participación en todos eles será gratuíta.
O calendario previsto inclúe catro retiros, coincidindo cos principais tempos fortes da Igrexa. O retiro de Advento celebrarase o 28 de novembro de 2026 na Raíña. Posteriormente, terá lugar o retiro de Nadal o 2 de xaneiro de 2027, cuxo lugar de celebración comunicarase proximamente.
O programa continuará co retiro de Coresma, previsto para o 20 de febreiro de 2027, e finalizará co retiro de Pascua o 17 de abril de 2027. En ambos os casos, o lugar de celebración está aínda pendente de confirmación.
Proximamente ofrecerase máis información sobre o desenvolvemento de cada un dos retiros, así como sobre o proceso de inscrición e os espazos que acollerán as distintas convocatorias.

 

Previous article8S | Segunda Xornada de Pastoral do Turismo
Next articleA Delegación para o Laicado da Arquidiocese de Santiago organiza un retiro espiritual