O arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto Fernández, dirixiu a súa tradicional mensaxe de felicitación do Nadal á diocese compostelá cunha chamada para renovar a esperanza, abrir as casas e os corazóns e facer do Nadal un tempo de fraternidade e solidariedade, especialmente con quen máis sofren.
Na súa mensaxe, pronunciado desde Santiago de Barallobre, o prelado subliñou o sentido profundo do Nadal como a chegada de Deus á vida das persoas. “Deus volve nacer no medio de nós”, afirmou, evocando as palabras do profeta Isaías sobre a luz que brilla para o pobo que camiña en tebras. Unha luz que, segundo explicou, faise presente nas familias, nas parroquias, nas comunidades e no corazón da humanidade.
Monseñor Prieto destacou que o Nadal trae consigo unha esperanza, que é Cristo, e que “abraza a nosa historia, as nosas vidas e tamén as nosas feridas, e ponnos en pé”. Nese contexto, lembrou o exemplo dos Reis Magos, que se encheron de alegría ao ver a estrela, e convidou os diocesanos a vivir estas datas con ese mesmo gozo e confianza.
O arcebispo fixo tamén un chamamento a non esquecer a quen vive estas festas en soidade ou en situacións de dificultade. A mesa de Nadal, sinalou, debe ser “unha mesa de fraternidade e de solidariedade”, aberta aos feridos, aos esquecidos e a quen non teñen con quen compartir: “Abramos as nosas casas e abramos as nosas vidas”.
Finalmente, monseñor Prieto Fernández desexou un bo nadal e un aninovo bendicido a todas as comunidades, parroquias, grupos, movementos e familias da diocese de Santiago. Un ano, dixo, “cheo de vida e de esperanza”, animando os fieis para camiñar día a día coa alegría de quen atopou a luz e regresaron gozosos á súa terra.









