Arroupa Moda Re- recibe la visita del conselleiro de Emprego en Vilagarcía y consolida su modelo de gestión sostenible del textil

A tenda de Arroupa Moda Re- en Vilagarcía de Arousa recibiu a visita do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, José González, nun encontro que permitiu coñecer de primeira man o traballo que desenvolve esta empresa de inserción promovida por Cáritas na diocese de Santiago no ámbito da economía circular, a xestión responsable do residuo téxtil e a creación de emprego para persoas en situación ou risco de exclusión social.
A visita enmárcase no recente recoñecemento a Arroupa co Premio Comercio Sostible Galego 2025, outorgado pola Dirección Xeral de Comercio, que distingue iniciativas que integran criterios de sustentabilidade ambiental, responsabilidade social e innovación no ámbito comercial. No caso de Arroupa, o xurado valorou a súa traxectoria e a súa capacidade para articular un modelo empresarial que une a reutilización do téxtil coa inclusión sociolaboral e o compromiso co territorio.

Arroupa, que está a celebrar o seu décimo aniversario desde a súa posta en marcha, consolidouse como un proxecto de referencia en Galicia dentro da economía social. Na actualidade conta con 35 persoas traballadoras, das cales o 80 % participa en itinerarios de inserción sociolaboral, combinando emprego, formación e acompañamento personalizado como vía para mellorar as súas oportunidades de acceso ao mercado laboral ordinario.

Durante 2025, o proxecto xestionou 1.972 toneladas de téxtil, reforzando o seu papel na recollida selectiva e reutilización de roupa usada, e facilitou a entrega social de 23.697 pezas a persoas e familias acompañadas por Cáritas. Esta actividade permitiu evitar a emisión de aproximadamente 67.000 toneladas de CO₂ equivalente, ademais dun aforro estimado de 9.200 millóns de litros de auga, contribuíndo de forma clara á redución do impacto ambiental asociado ao sector téxtil.

Xestión do textil que crea emprego en Galicia

Desde Cáritas na diocese de Santiago destácase o papel clave que desempeñan os concellos na consolidación deste modelo, que é de obrigación legal desde o 1 de xaneiro de 2025. A implicación municipal resulta determinante para garantir unha xestión eficiente do residuo téxtil e para maximizar o retorno social e ambiental deste servizo.

A directora de Cáritas Diocesana de Santiago, Pilar Farjas, agradeceu a visita do conselleiro como unha oportunidade para visibilizar o impacto do proxecto, sinalando que “Arroupa demostra que a xestión do téxtil pode facerse desde unha lóxica de servizo público, coidando o medio ambiente e xerando emprego de inserción”. Farjas subliñou tamén que “cando un concello aposta por este modelo, o beneficio é colectivo, xa que se reducen residuos, optimízanse recursos e créanse oportunidades laborais para persoas que o teñen máis difícil”.

Neste sentido, Cáritas Diocesana anima a todos os concellos a incorporar criterios sociais e ambientais na xestión do residuo téxtil, apostando pola colaboración con empresas de inserción como Arroupa. A experiencia acumulada ao longo desta década demostra que a contratación con este tipo de entidades non só é eficaz desde o punto de vista ambiental e social, senón tamén unha solución eficiente e sostible en termos económicos.

Arroupa Moda Re-, impulsada por Cáritas na diocese de Santiago e integrada no proxecto estatal Moda Re-, continúa avanzando como unha iniciativa que transforma a xestión do residuo téxtil nunha oportunidade para construír unha sociedade máis xusta, inclusiva e respectuosa coa contorna.

 

Artículo anteriorPontevedra inauguró la XXV Semana de la Familia con una misa en honor a San Sebastián y con una llamada a poner a las personas en el centro
Artículo siguiente24E | Encuentro de Catequistas de Galicia 2026