- Con motivo da Xornada pola Vida
- Conferencia de Román Pardo o mércores 26 de marzo no ITC
As delegacións para o Servizo do Desenvolvemento Humano Integral e para a Familia e a Vida (Pastoral Familiar) celebrarán de modo conxunto a Xornada pola Vida. Coincidindo coas tres décadas da publicación polo papa Xoán Paulo II da encíclica Evangelium vitae (25 de marzo de 1995), ambas as delegacións queren lembrar, cunha conferencia, a importancia deste texto do maxisterio pontificio.
O relatorio correrá a cargo do Decano da Facultade de Teoloxía da Universidade Pontificia de Salamanca e director do Secretariado da Subcomisión Episcopal para a Acción Caritativa e Social da Conferencia Episcopal Española, Román Pardo Manrique.
Coa Evangelium vitae o papa Wojtyla inaugurou a cultura da vida, expresión que logo fixo fortuna. De feito, o “subtítulo” desta carta encíclica é toda unha declaración de intencións: “sobre o valor e o carácter inviolable da vida humana”. Neste texto fundamental o papa pide, en coherencia total cos ensinos do concilio Vaticano II, que a reflexión ética parta da revelación contida nas Escrituras. Por se quedaba algunha dúbida, a encíclica comeza a afirmación de que “o Evanxeo da vida está no centro da mensaxe de Xesús”.
A conferencia desenvolverase o vindeiro mércores 26 de marzo ás 19:30 horas na o Aula Magna do Instituto Teolóxico Compostelán, situado en san Martiño Pinario.