“Na celebración desta festa tan propia da nosa Arquidiocese damos grazas a Deus, conscientes da importancia do Ano Santo Compostelán, que seguiremos celebrando grazas á benevolencia do Papa Francisco, “un tempo de graza e de perdón”, para responder á chamada á santidade e conformar a vida con Cristo, recordando a crentes ou non crentes que Cristo revela ao home o propio home e descóbrelle a dignidade da súa vocación». Así expresábase esta mañá monseñor Julián Barrio na súa homilía da Festa da Translación, na que o Excmo. Sr. Delegado Rexio, nesta ocasión D. Xosé A. Sánchez Bugallo, alcalde da cidade de Santiago de Compostela, presentou -en nome de S.M o Rei a tradicional ofrenda ao Apóstolo.
En resposta á súa invocación ao Apóstolo, o arcebispo compostelán sinalou que «a Palabra de Deus ilumina cada día un camiño ás veces gris e outras veces escuro». E engadiu que «Xesús non está lonxe, achégasenos nun mundo de soidades, cóllenos da man cando estamos a piques de afundirnos nas ondas da propia vida, como lle sucedeu a Pedro no mar».
Monseñor Barrio explicou tamén que «o Apóstolo Santiago remítenos á fe, que necesitamos reavivar para achegar «o hoxe contemporáneo» ao «hoxe eterno de Deus», referencia central no noso modo de ser e de actuar. Isto esixe dispoñibilidade plena ao querer de Deus e a humilde intrepidez para aceptar o honor do rexeitamento ou da acollida que libremente os homes poden ter en relación a Cristo, levando a alegría do Evanxeo alí onde esteamos».
O arzobispo invitou a todas as persoas a que sexan «crentes» e «cribles», dispostas a difundir en cada ámbito da sociedade os principios e ideais cristiáns e ser no medio dos homes presencia de Cristo. Neste sentido, o prelado compostelán destacou a urxencia de recuperar o sentido trascendente da vida, a visión de futuro, a corresponsabilidade, e a fraternidade que fundamentan a confianza nos distintos ámbitos da vida: «Hai problemas que non poden resolverse sen a achega do pensamento relixioso».
Monseñor Barrio finalizou a súa homilía poñendo sobre o Altar «co Patrocinio do Apóstolo, a vosa ofrenda, Excmo. Sr. Delegado Rexio, tendo en conta as intencións do Papa Francisco, das Súas Maxestades e de toda a Familia Real, de todos os que teñen unha responsabilidade política, social e cultural, e de todos os pobos de España, de xeito especial dos queridos fillos desta terra galega e desta Cidade de Santiago. Encomendo ao amigo do Señor esta querida Arquidiocese Compostelá para que asuma fielmente o compromiso de transmitir con espirito sinodal o legado da nosa fe».
A Ofrenda da Translación realizouse por primeira vez en 1109, aínda que foi en 1642, o rei Felipe IV, quen a institucionalizou. Trátase da celebración xacobea máis importante na Catedral compostelana tralo 25 de xullo – festa litúrxica do Señor Santiago- e nela conmemórase o traslado dos restos do Apóstolo a Santiago desde o porto de Xaffa, en Israel.