A nosa vida é un proceso, un camiño que se vai percorrendo cada día. Acompáñannos moitas preguntas: De onde veño? Que fago neste mundo? Onde vou? Que sentido ten o que son, fago, busco, sufro? Atopar resposta a estas e outras preguntas é o que dá sentido á existencia humana.
Por iso, definir ao ser humano como viator é afirmar que sempre está en camiño e que só cando está en camiño é verdadeiramente home; máis, mesmo, que cando está en repouso na súa pousada. Con Don Quixote diremos que «vale máis camiño que pousada» ou que «o camiño é mellor que a pousada». Pódese entender, por conseguinte, que o pensamento do camiño pertence ao alfabeto ético do home: ser e estar en camiño define non só a existencia do crente, senón a mesma existencia humana.
En numerosas ocasións o Papa Francisco referiuse a esta condición do ser humano. Na súa exhortación Evangelii gaudium escribiu que todo cristián debería levar consigo a «dinámica do éxodo» (EG 21), saír de si mesmo e camiñar para ir sempre máis aló de toda etapa alcanzada. Di mesmo que «a intimidade da Igrexa con Jesús é unha intimidade itinerante» (EG 23), indicando así que a comuñón con El é un camiño permanente que non debe provocar medo nin producir cansazo.
Poñerse en camiño supón un exercicio verdadeiramente humanizador. É evidente que a peregrinación é símbolo e á vez realización concreta da condición do home como viator baixo o signo da esperanza: grazas á esperanza ponse en pé e ponse en camiño para atoparse cun horizonte de plenitude. É o home finito, necesitado de realidades de valor superior, que hai que buscar e alcanzar con empeño e esperanza. Ás veces son realidades escondidas na intimidade persoal, que precisan dunha viaxe ata ese fondo íntimo para atopalas.
Nesta tensión, nesta pugna na que se substancian o logro ou o fracaso persoal, a peregrinación (e, polo tanto, o Camiño de Santiago) convértese nunha figura, unha interpelación, un estímulo fundamental. Necesitado de impulsos, de imaxes e símbolos eficaces, de experiencias que sirvan de precedente, de soportes e compañías para o camiño, a peregrinación desde sempre foi e por sempre será un recordatorio poderosísimo da condición de homo viator, que é sustantiva no home, o ser que sempre se acha in fieri.
A peregrinación a Santiago ha de ser, neste sentido, estímulo e ocasión para unha sincera conversión, entendida como camiño de retorno, de inicio ou reinicio: volver á casa do Pai. Atravesar a Porta Santa é cruzar o limiar da misericordia de Deus e comprometernos a ser misericordiosos cos demais como o Pai o é connosco.
Conversión significa volver a mirada a Deus e aos irmáns, elevar a mirada máis aló dos intereses persoais e das nosas posesións materiais. Se experimentamos de verdade a misericordia de Deus, poderemos desprendernos de moitas cousas para compartilas cos demais e, ao diminuír o peso da mochila, avanzaremos máis libres e lixeiros polo camiño da vida.
O Camiño e a súa meta, os camiños e a tumba do apóstolo Santiago, preséntanse como un gran espazo aberto e un horizonte no que camiñan e cara ao que se encamiñan os que buscan e os que non buscan, os inquietos e os indiferentes, os crentes e os non crentes. E nese camiño debemos suscitar a pregunta polo sentido da vida, polo seu horizonte transcendente. O Camiño é ocasión para deixarse atopar por Deus, que nos agarda na meta. E como a mochila do peregrino, lixeiros de equipaxe, pero densos de vida e de ganas de encontro, de propostas, de escoita, para ofrecer ao camiñante o don da fe que, como alguén escribiu, non é unha bandeira que leva con gloria, senón unha vela acesa que leva coa man entre a choiva e o vento nunha noite de inverno.
Cando nos programas electorais a noción de ben común foi substituída pola de interese xeral, que en absoluto é sinónima da primeira; cando se cumpriron dous anos da guerra en Ucraína e Europa parece cansa e deprimida; cando o desenvolvemento da intelixencia artificial acelerouse e xera unha gran incerteza; entón, precisamente agora, o noso presente, os católicos —acollendo a chamada de Xoán Paulo II, de Bieito XVI e de Francisco— temos que comprometernos coa mellor política, esa que está verdadeiramente ao servizo do pobo, do ben común, da fraternidade.
Artículo publicado en alfayomega.es






