A parroquia de Santa María de Simes, no concello de Meaño (Pontevedra), viviu este sábado, 17 de xaneiro, unha xornada especial coa celebración do Sacramento da Confirmación. A Eucaristía estivo presidida polo arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Francisco José Prieto Fernández, e concelebrada polo párroco Juan Ventura Martínez Reboeiras.
Un grupo de mocidade, que completaron a súa preparación catequética, recibiu o sacramento nun ambiente de recollemento e proximidade, acompañados por familiares, catequistas e membros da comunidade parroquial.
Na súa homilía, o arcebispo agradeceu de maneira expresa o labor dos catequistas e lembrou que cada sacramento é un agasallo de Deus. Convidou os confirmandos a vivir este momento como unha expresión do amor de Deus: un don que compromete e acompaña.
O arcebispo exhortou tamén a vivir a fe con naturalidade, sen vergoña, expresándoa en xestos concretos de tenrura, perdón e compromiso. Lembrou que a vida cristiá vívese en familia, e que a parroquia é unha expresión desa familia na Igrexa.
A celebración concluíu coa renovación das promesas bautismais e a invitación para dicir cada día, con sinxeleza: “Aquí estou, Señor”, como signo dunha fe vivida con esperanza e responsabilidade.












