- Mons. Francisco José Prieto presidiu a Eucaristía e compartiu un encontro cos fregueses

O arcebispo convidou os fieis a traer ao altar a súa vida cotiá, con “preocupacións, ilusións e esperanzas”, e a poñelas ante o Señor. Subliñou que a luz de Cristo non é unha luz escondida, senón unha luz chamada a brillar no corazón de cada crente e no seo das familias e comunidades, como fonte de reconciliación, encontro e perdón.
Mons. Prieto tamén lembrou que Deus salva non desde a violencia, senón desde o amor que se dá: “Non hai amor máis grande que dar a vida”. Desde esa imaxe, animou a vivir unha fe que se exprese no servizo, na capacidade de cargar coa vida dos demais e na construción de relacións baseadas no perdón.
Tras a Eucaristía, o arcebispo mantivo un encontro cos membros da parroquia, un espazo de diálogo e convivencia que permitiu compartir inquietudes, esperanzas e a vida da comunidade. Nun clima cordial, mons. Prieto animou a seguir camiñando como Igrexa, conscientes das dificultades persoais e sociais, pero confiados na fortaleza que vén do Espírito.






