- O Panteón de Galegas e Galegos Ilustres acolle ao longo de todo o día unha lectura pública da obra de Castelao.
A palabra viva de Castelao volveu soar este martes en Santiago de Compostela, enchendo de emoción colectiva o Panteón de Galegas e Galegos Ilustres durante a segunda xornada do XIII Festival Atlántica. Baixo o título Como dicía Castelao, esta lectura pública converteuse nun acto de memoria compartida e reivindicación cultural ao longo de todo o día no emblemático espazo da igrexa de San Domingos de Bonaval.
A actividade, aberta ao público e cunha notable afluencia de persoas que acudiron de xeito espontáneo, arrancou cun acto inaugural cargado de solemnidade e simbolismo. Participou o arcebispo de Santiago de Compostela, mons. Francisco José Prieto Fernández, así como Natividad González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña; Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; Valentín García, secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia; Antonio López, reitor da Universidade de Santiago de Compostela; Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago; e Soledad Felloza, directora do festival, que exerceu de mestra de cerimonias.

Tras as palabras institucionais, deron comezo as lecturas, protagonizadas non só polas autoridades presentes, senón tamén por representantes do mundo cultural, social e diplomático.
As intervencións sucedéronse nun ambiente de escoita atenta, pausada, sen présas, no que cada lector e lectora puxo corpo, emoción e verdade ás palabras de Castelao, co propósito de reivindicar o seu pensamento humanista e comprometido, tan vixente no presente como no seu tempo.