O arcebispo de Santiago de Compostela, mons. Franscisco José Prieto, participou esta tarde no pazo do Hórreo nunha xuntanza co presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira,co conselleiro de Cultura da Xunta, Román Rodríguez, e coa alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, para dar comezo aos trámites previstos na Lei 5/2023, do 4 de agosto, do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, aprobada por unanimidade co respaldo de diferentes institucións e entidades.
Na xuntanza, celebrada a petición do presidente da Cámara, acordouse iniciar os trámites encamiñados constituír e rexistrar a Fundación Panteón de Galegas e Galegos, así como os referidos a que tanto a Arquidiocese como o Concello de Santiago cedan á futura Fundación o uso, respectivamente, da Igrexa de San Domingos de Bonaval e da parte do terreo público municipal imprescindible, dada a súa vinculación física con el.
Para acceder ao contido da Lei 5/2023, do 4 de agosto, do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, prema no seguinte enlace:
https://www.parlamentodegalicia.es/sitios/web/BibliotecaLeisdeGalicia/Lei5_2023.pdf