Mons. Francisco Prieto, arcebispo de Santiago de Compostela, escribiu unha carta pastoral titulada “Catequistas da esperanza” con motivo do Día diocesano do catequista e o Día da catequese nas parroquias.
Na súa mensaxe, o arcebispo agradece aos catequistas a súa dedicación e compromiso na transmisión da fe e na iniciación cristiá de nenos, mocidade e adultos. Destaca a importancia de ser testemuñas da esperanza en Cristo e anímaos a vivir o Ano Xubilar Romano de 2025 como un tempo de graza e misericordia.
Mons. Prieto subliña a necesidade de ser un signo visible de esperanza na vida persoal, familiar e na misión catequética, especialmente en tempos de precariedade e fraxilidade. Así mesmo, convida os catequistas a participar na Peregrinación-Xubileu dos Catequistas en Roma en setembro e a celebrar o Día do Catequista o 8 de marzo e o Día da Catequese nas Parroquias o 16 de marzo.
—————–
Día diocesano do catequista
8 de marzo de 2025
Día da catequese nas parroquias
16 de marzo de 2025
“Catequistas da esperanza”
Queridos catequistas:
Antes que calquera palabra, quixese dicirvos grazas! Grazas pola xenerosidade e fidelidade coa que vivides a vosa vocación e misión de ser catequistas, procurando ser eses discípulos e testemuñas que colaborades na transmisión da fe, acompañando a iniciación cristiá de tantos nenos, mocidade e adultos, unha das principais tarefas evanxelizadoras. A Igrexa en Santiago confía en vós para levar a cabo este servizo eclesial, co que colaborades a procrear os fillos de Deus no seo da Igrexa (cf. DC 110).
Baixo o signo da esperanza que non defrauda (cf. Rm 5,5), o Papa Francisco convocou o Ano Xubilar Romano de 2025: unha esperanza, que nace e se funda en Cristo e que o Espírito Santo, coa súa presenza perenne no camiño da Igrexa, irradia e mantén acendida na vida dos crentes (cf. Bula convocatoria Spes non confundit 3).
Convídovos a vivir este Xubileu como un tempo de graza e misericordia, como signo da esperanza que non declina: a esperanza en Deus, que non engana nin defrauda, porque está fundada na certeza de que nada nin ninguén poderá separarnos nunca do amor divino. Estades a chamados a ser na vosa vida persoal, familiar e, de modo especial, na vosa misión como catequistas, un signo vivo e visible desta esperanza para tantos irmáns nosos, que precisan ser sandados, acompañados e sostidos no seu camiñar na fe.
Ao mirar cara a Roma, vénnos á mente a vida daqueles primeiros cristiáns que, aflixidos polas persecucións, deixaron nos muros das catacumbas a pegada da súa esperanza en Cristo, expresada co símbolo da áncora. A súa forma fai referencia á cruz da salvación, confiados en que os fieis alí sepultos alcanzaran felizmente o porto da eternidade.
Algúns de vós tedes pensado participar na Peregrinación-Xubileu dos Catequistas do próximo setembro en Roma, e teredes a oportunidade de contemplar este símbolo e renovar así a vosa esperanza en Cristo. En todo caso, nunha terra como a nosa, que tantas veces sofre os golpes dun mar bravo, tan xeneroso como perigoso, coñecemos perfectamente o valor de estar ben ancorados para que as embarcacións non se vexan arrastradas polas ondas. Así ha de ser tamén o catequista: firme na barca da Igrexa, sempre ancorado, unido, a Cristo, roca sólida de toda esperanza.
Quérovos animar, como di o lema deste curso e da Asemblea, a que sexades “Catequistas da esperanza”. Que o Espírito nos alente a dar sempre razón da nosa esperanza (cf. 1Pe 3,15) para así ofrecela aos homes e mulleres deste mundo: Cristo é a nosa esperanza! Así nunca vos defraudaredes a vós mesmos, nin defraudaredes os demais. Son moitas as circunstancias nas que temos que ser e ofrecer esperanza. Particularmente, pensemos nas nosas parroquias e comunidades, tantas veces envoltas en situacións de precariedade e fraxilidade: Non vos desanimedes na vosa tarefa! O Señor conta convosco e sostenvos coa forza do seu Espírito.
Por iso, convídovos a participar o sábado 8 de marzo no Día do Catequista, unha xornada que este ano reviste un ton xubilar para convocarnos ao encontro co Cristo da nosa fe e esperanza.
E lembrarvos, finalmente, que o domingo día 16 de marzo será o Día da Catequese nas Parroquias. Quere ser unha oportunidade para mostrar aos membros das comunidades o servizo insubstituíble que a catequese presta á esperanza. Nada hai máis esperanzador e gozoso nunha comunidade cristiá que vela crecer, por medio dos sacramentos de iniciación e da catequese, coa incorporación de novos membros.
Co desexo de atoparvos e saudarvos na asemblea de catequistas, envíovos un cordial saúdo no Señor, ao que presento unha oración agradecida e confiada por todos e cada un de vós.
Francisco José Prieto Fernández
Arcebispo de Santiago de Compostela