AHDS | Topoteca Compostelá

O Arquivo Histórico Diocesano de Santiago de Compostela (AHDS), grazas ao programa FO200 de subvencións a fundacións e entidades sen ánimo de lucro da Excma. Deputación da Coruña, lanza un innovador proxecto cultural para difundir parte da súa colección fotográfica. Este proxecto céntrase na colección do Prof. Salvador Ares Espada, composta por máis de 35.000 negativos. Co apoio da Deputación da Coruña, o AHDS reforza o seu compromiso coa conservación e difusión do patrimonio galego, consolidando esta iniciativa como unha ferramenta clave para preservar e compartir a memoria visual da Diocese de Santiago de Compostela.

A nova plataforma, denominada Topoteca Compostelá, permitirá descubrir e explorar o patrimonio eclesiástico da Diocese de Santiago de Compostela a través dun buscador intuitivo e dun mapa interactivo. As fotografías estarán xeolocalizadas, ofrecendo unha nova maneira de visualizar e interpretar o patrimonio da Diocese, desde igrexas e monumentos ata escenas da vida cotiá e retratos históricos. Trátase dunha ferramenta única para conectar o pasado e o presente nun só clic, achegando a historia á cidadanía dun xeito accesible e atractivo.

Este proxecto é continuación do traballo iniciado en 2022 polo AHDS, cando se comezou a dixitalizar e catalogar o fondo fotográfico do Prof. Salvador Ares Espada co apoio tamén da Deputación da Coruña. Daquela, este esforzo materializouse nunha exposición e na edición dun catálogo. Agora, a través de Topoteca Compostelá, o AHDS pretende dar un paso máis, poñendo en funcionamento unha aplicación web que dinamizará e fará máis accesible esta valiosa colección, garantindo a súa difusión e posta en valor.

A colección fotográfica do Prof. Salvador Ares Espada representa un rexistro único da transformación cultural, social e relixiosa da Galicia das décadas de 1960 e 1970. A través das súas imaxes recóllese non só o patrimonio artístico e relixioso da Diocese de Santiago, senón tamén escenas da vida cotiá, festas populares e retratos de persoas anónimas que formaron parte da historia da nosa terra. O profesor Ares Espada, delegado da Comisión Diocesana de Arte Sacro e docente na Universidade de Santiago de Compostela, dedicou anos ao labor de documentar fotograficamente os bens mobles da Diocese, nunha iniciativa precursora dos inventarios de patrimonio promovidos posteriormente polo Ministerio de Cultura.

A nova plataforma dixital permitirá que investigadores, estudantes e o público en xeral poidan acceder a este fondo de maneira ordenada e interactiva. Mediante un sistema de xeolocalización, cada fotografía poderá ser consultada segundo a súa localización exacta, facilitando así o seu estudo e comprensión. Ademais, a plataforma incluirá metadatos que axudarán á identificación e clasificación das imaxes, ofrecendo un recurso valioso para a investigación histórica e patrimonial.

A Topoteca Compostelá estará dispoñible en liña a partir do próximo 12 de febreiro, converténdose nunha ferramenta fundamental para a preservación e divulgación da memoria visual da Diocese de Santiago de Compostela.

Enlace: https://www.ahds.es/gl/topoteca

 

Artículo anterior11 de febrero, Jornada del Enfermo
Artículo siguienteBoletín oficial de noviembre-diciembre (2024)