Madrid acolleu o 24 e o 25 de outubro as XLVII Xornadas Nacionais de Delegados de Apostolado Segrar e Responsables de Movementos e Asociacións, baixo o lema Igrexa que camiña coa humanidade (MH 18). Participaron de xeito presencial máis de 120 persoas de toda España, e outras 1.250 inscribíronse para seguir en liña a intervención do cardeal D. José Cobo, coa ponencia «Qué es y para qué es la Doctrina Social de la Iglesia?» . En representación da arquidiocese de Santiago de Compostela participou Francisco Durán, membro do equipo da Delegación para o Laicado.

¿Vuestros grupos están transformando la sociedad?. A pregunta do cardeal arcebispo de Madrid, formulada na súa ponencia, quedou no aire e acompañou os participantes durante todo o encontro. E non era retórica.

Nun diálogo con Cristina Sánchez Aguilar, directora de Alfa y Omega, o ponente propuxo redescubrir a Doutrina Social da Igrexa non como algo que se estuda e se garda nun andel, senón como unha ferramenta para ler a realidade. E a realidade hai que escoitala alí onde doe: no traballo precario, na vivenda que non chega, na pobreza, na exclusión. Non abonda con poñerlles remendos ás necesidades do día; cómpre ir ás causas.

Lembrou tamén que a familia, o traballo, a política, a cultura e a vida cidadá son o terreo propio dos laicos. Non é un engadido nin un voluntariado de fin de semana: vén do bautismo. De aí a súa insistencia en formar a conciencia desde o Evanxeo, sen poñer a fe ao servizo das ideoloxías, e en volver ao encontro e ao diálogo, tamén coas diferentes antropoloxías, nun tempo tan dado á polarización.

Na tarde do sábado baixouse ao concreto. Nos obradoiros presentáronse experiencias que xa están a responder á pregunta da mañá: o Hospital de Campaña Santa Anna, o discernimento político ao servizo do ben común, o traballo de Cáritas contra a exclusión e o compromiso ecolóxico vivido desde a fe. Detrás de cada unha hai persoas que contribúen a transformar a súa contorna, moitas veces sen facer ruído. O día pechou cunha visita cultural, A arte sacra como voz pública, polo Museo do Perpetuo Socorro e pola biblioteca e a capela da comunidade dos Redentoristas. Un bo recordatorio de que a fe sempre lle soubo falar á sociedade a través da beleza.

O domingo comezou coa Eucaristía, e con ela a invitación a renovar o encontro con Xesucristo como fundamento da misión e a vivir o amor a Deus e aos demais desde a proximidade, o coidado e a esperanza. Despois, na sesión Aquí e agora: sinodalidade e compromiso na vida pública, puxéronse en común boas prácticas e inquedanzas. A derradeira hora reservouse para a Conversación no Espírito, onde afloraron os ecos máis fondos das Xornadas.

Fonte: https://laicosarchicompostela.com/

Artículo anteriorCondolencias con motivo del accidente ferroviario en Urda (Toledo)
Artículo siguienteEl arzobispo participa en un debate de la Cámara de Comercio de Santiago sobre las Fortalezas de la España Plural