O mércores día 14 de xaneiro, reuníronse en Meira (Lugo), os Delegados de Pastoral Vocacional das Dioceses de Galicia.
O encontro estivo presidido polo bispo de Mondoñedo-Ferrol, Monseñor Fernando García Cadiñanos, responsable desta área pastoral na Provincia Eclesiástica de Santiago de Compostela.
Estes encontros teñen lugar cada tres meses e convértense nunhas xornadas que serven para atoparnos e reflexionar sobre aqueles temas que conciernen á Pastoral Vocacional e así buscar algunhas liñas de acción que nos poden axudar a cada unha das Dioceses en particular e outras que podamos desenvolver conxuntamente.
Seguindo a Orde do día, lembramos as invitacións máis importantes que se nos fixeron na Asemblea Interdiocesana de Pastoral Vocacional que tivo lugar o pasado día 22 de novembro de 2025 en Santiago de Compostela e da cal se fixo unha valoración. Como últimos puntos a tratar na reunión, reflexionouse sobre que camiños ou propostas poderiamos percorrer como Igrexa en Galicia e deseñouse unha programación conxunta para este curso pastoral.
Finalizada a reunión houbo a posibilidade de facer unha visita guiada do templo parroquial de Santa María de Meira (S. XII).











