A mañá do domingo 21 de decembro celebrouse na Fundación Fogar Santa Lucía a Eucaristía correspondente ao IV Domingo de Advento. A misa, que tivo lugar ás 13.00 horas, estivo presidida polo arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Francisco José Prieto Fernández, e congregou a residentes, traballadoras, voluntarias e persoas vinculadas a esta entidade social da Coruña.
Na homilía, o arcebispo convidou os presentes a prepararse interiormente para o Nadal desde a confianza e a esperanza, poñendo o acento nun Deus que non permanece distante, senón que se fai próximo especialmente nos momentos de fraxilidade humana. Monseñor Prieto tamén lembrou que o Advento é un tempo de espera activa, no que moitas persoas viven situacións de incerteza, medo ou inseguridade, e subliñou que precisamente aí é onde Deus se fai presente.
O preladoo apoiouse nas lecturas bíblicas proclamadas para mostrar que a acción de Deus adoita manifestarse de maneira sorprendente. Desde esa perspectiva, destacou a figura evanxélica de san Xosé, un home xusto que, no medio da dúbida e a incerteza polo que sucedía no seu fogar, elixiu o camiño do amor, a protección e o coidado de María.
O arcebispo destacou a figura de san Xosé como exemplo de confianza silenciosa, sinalando que Deus tamén fala nos soños e que ten un proxecto para cada persoa. Neste sentido lembrou que “Deus non está contra nós. Deus está connosco”, aludindo ao nome de Emmanuel, o Deus feito próximo. Segundo explicou, o Nadal non é a manifestación dun poder impoñente, senón a expresión dunha tenrura humilde que se fai presente no pequeno e o sinxelo.
A homilía concluíu cunha invitación para vivir o Nadal desde a esperanza serena, lembrando que Deus chega ao seu tempo e non sempre polos camiños que se esperan. O arcebispo evocou o nacemento de Xesús na noite de Belén, en silencio e pobreza, como símbolo dunha luz suave que ilumina sen cegar, e animou aos presentes para seguir celebrando a ese Deus que se fai pan de vida no altar.
A celebración tivo un significado especial ao realizarse na Fundación Fogar Santa Lucía, unha entidade sen ánimo de lucro situada na Coruña que traballa pola recuperación integral da muller, ofrecendo fogar, acompañamento e apoio a mulleres sen teito ou en situación de vulnerabilidade. Nese contexto, a mensaxe de proximidade, coidado e esperanza resoou con especial forza entre as persoas que forman parte da comunidade, reforzando o sentido profundo do Nadal como tempo de acollida e de confianza nun Deus que camiña xunto aos máis fráxiles.











