- A solemnidade celebrouse en toda a diocese con actos litúrxicos e procesións.
- Cáritas e o compromiso cos máis vulnerables marcaron a mensaxe dunha xornada dedicada tamén á caridade

Na Catedral de Santiago a celebración tivo lugar ás 19.30 horas, onde numerosos fieis participaron na Eucaristía presidida polo deán da basílica compostelá, Manuel Jesús Formoso Fernández. A cerimonia contou coa concelebración de varios sacerdotes, tanto do Cabildo Catedralicio como de parroquias da cidade, alén doutros presbíteros que acudiron como peregrinos ao templo xacobeo. A parte musical estivo a cargo do Coro Cardenal Quiroga e da Escolanía da Catedral.
A ausencia do arcebispo de Santiago estivo presente desde o inicio da celebración. No seu saúdo aos asistentes, o deán transmitiu a mensaxe do prelado, quen non puido presidir os actos ao atoparse en Madrid xunto ao arcebispo emérito participando na visita pastoral que o papa León XIV realiza estes días en España.
Durante a súa homilía, Manuel Jesús Formoso lembrou o profundo significado da solemnidade do Corpus Christi, unha festividade que invita os crentes a contemplar a Xesucristo como “pan de vida” e presenza permanente que acompaña ao pobo cristián. O deán destacou que a Eucaristía non só debe ser adorada, senón tamén vivida a través dun compromiso real cos demais.
“Cristo non permanece encerrado no templo. Sae ao encontro da vida cotiá, ilumina as nosas feridas e impúlsanos a transformar a sociedade coa forza humilde do amor”, afirmou durante a súa intervención.

O deán da Catedral compostelá subliñou así mesmo a estreita relación entre a celebración eucarística e a caridade cristiá. Neste sentido, lembrou que o Corpus Christi é tamén o Día da Caridade, unha ocasión para poñer a mirada en quen sofre a pobreza, a soidade ou a exclusión social.
Ao longo da súa reflexión, fixo referencia aos numerosos desafíos que atravesa a sociedade actual, marcada por conflitos, sufrimentos e situacións de vulnerabilidade. Fronte a esa realidade, sinalou que a Eucaristía constitúe unha chamada permanente á fraternidade e ao compromiso co próximo.
“O pan partido no altar ensínanos que a vida adquire o seu verdadeiro sentido cando se entrega”, expresou o deán, quen tamén agradeceu o traballo que Cáritas desenvolve de xeito silencioso xunto a miles de persoas necesitadas.
Tras a Eucaristía, e como é tradición, o Santísimo Sacramento foi levado en procesión polas rúas do centro histórico de Compostela. O percorrido incluíu A Quintana, Conga, rúa Nova, Toural, rúa do Vilar e Praterías.

O lema escollido este ano, “Elixe amar, elixe a comunidade”, estivo presente en toda a xornada como unha invitación para construír relacións baseadas na solidariedade, a fraternidade e o ben común. A Igrexa compostelá lembrou que a celebración do Corpus Christi non se limita a unha manifestación externa de fe, senón que impulsa os crentes a traducir esa fe en xestos concretos de amor e servizo.
A solemnidade celebrouse en numerosos puntos da arquidiocese. Na cidade herculina, os actos estiveron presididos polo vigairo da Coruña, Severino Suárez, mentres que en Pontevedra fíxoo o vicario xeneral, José Andrés Fernández Farto.

Deste xeito, as comunidades cristiás de toda a Arquidiocese de Santiago uníronse á celebración do Corpus Christi que, horas antes, presidira o papa León XIV durante a súa visita pastoral a España. Unha xornada de fe, oración e servizo que volveu situar no centro a mensaxe de amor, fraternidade e comunidade que a Igrexa propón no Día do Corpus Christi.












